Mancomún

Galicia continúa á cabeza do Estado na adopción de software libre

Mércores, 29 Setembro 2010

O Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) vén de realizar unha análise sobre os últimos datos proporcionados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) sobre o uso das TIC e do Comercio electrónico nas empresas 2009/2010. Segundo as súas conclusións, Galicia segue a adiantar ao resto do Estado na adopción de software libre.

Os datos mostran que un 11% das empresas galegas de máis de 10 asalariados emprega o sistema operativo LINUX, fronte ao 9,5% da media estatal. Este indicador experimentou un crecemento interanual en Galicia do 8,9%

mentres que o incremento do conxunto do Estado foi do 6,7%.

Así mesmo outros indicadores que experimentaron un incrementou no último ano son a formación en novas tecnoloxías e a recepción de facturas electrónicas. O 18,5% das empresas galegas afirman ter proporcionado actividades formativas sobre as TIC, experimentando un crecemento interanual do 51,6%. A porcentaxe de persoal destas empresas que recibiu formación en TIC acadou o 30,8%, superando en 2,2 puntos á media estatal. En canto ao emprego de facturas electrónicas, os datos amosan que un 22,8% das empresas galegas que realizan intercambio automatizado de datos envían facturas electrónicas, experimentando un crecemento interanual do 18,8% pero aínda a 2,3 puntos da media estatal. Cabe salientar o incremento experimentado pola recepción de facturas electrónicas que se sitúa xa no 58,8% das empresas de 10 e máis empregados que realizan intercambio automatizado de datos, superando a media estatal en 7,6 puntos.

Outros indicadores relativos ás empresas de 10 e máis empregados

A práctica totalidade das empresas de 10 ou máis asalariados de Galicia dispoñen de ordenador (98%), porcentaxe lixeiramente inferior ao 98,6% que rexistra a media estatal. Un 94,9% das empresas deste segmento dispoñen de conexión a Internet, experimentando un crecemento interanual do 2,2%, aínda que situándose 2,3 puntos porcentuais por baixo da media estatal.

O 98,4% das empresas galegas de 10 ou máis empregados con conexión a Internet, acceden mediante algunha solución de banda larga, porcentaxe practicamente idéntica á media estatal (98,7%). Entre as empresas galegas con conexión a Internet, cabe salientar que un 35% accede á Rede a través de telefonía móbil de banda larga, aproximándose á media estatal (36,7%).

Un 94,5% das empresas galegas deste segmento dispón de correo electrónico, un 82,1% teñen rede de área local (LAN) e un terzo dispón de LAN sen fíos. Galicia está próxima á media estatal nestes indicadores sobre equipamento TIC e conexións básicas de comunicacións. A diferenza sitúase en 2 puntos no caso do correo electrónico e en 3,5 puntos porcentuais en dispoñibilidade de LAN.
O 58,9% das empresas deste segmento con conexión a Internet dispón de páxina web, un 6,9% máis ca no ano 2009. As principais utilidades da páxina web son a presentación da empresa (85,2% das empresas galegas con web) e o acceso a catálogos e listas de prezos (52,7%).

Equipamento TIC nas empresas de 10 e máis empregados

Un 47,5% das empresas galegas deste segmento con conexión a Internet emprega a sinatura dixital. Das empresas galegas que fan uso da mesma, o 92,4% emprégana para relacionarse coas Administracións Públicas e un 20,7% para relacionarse con provedores e clientes.

En relación coa seguridade nas TIC, o 29,1% das empresas galegas de 10 e máis asalariados definen unha política propia con un plano de revisión regular fronte ao 32,7% que rexistra a media estatal.

Interacción coas Administracións Públicas

Un 68,1% das empresas de 10 e máis empregados de Galicia aproveitan as vantaxes da administración electrónica, situándose a 2 puntos da media estatal (70,1%). O OSIMGA salienta que as empresas de 10 e máis empregados de Galicia ocupan o oitavo posto no uso da e-Administración dentro do contexto autonómico. Os usos máis frecuentes son a obtención de información e os relacionados coa descarga de impresos e formularios. Séguenlle o envío de impresos cumprimentados e a xestión electrónica completa.

Fonte: iMIT

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal