Esta semana portalprogramas vén de facer público o Ranking de Universidades en Software Libre. Trátase dun estudo pioneiro en España, co obxectivo de obter unha clasificación das universidades españolas en función do seu compromiso co uso, difusión e creación do software libre. É un ranking especializado que clasifica ás universidades en función de 37 indicadores que miden o traballo que realiza cada unha delas no ámbito do coñecemento libre desde todos os seus estamentos.
Neste ranking Galicia, figura como a 4ª comunidade autónoma en base á difusión que as súas universidades realizan do software libre. En canto ao índice de difusión das nosas 3 universidades está entre o 21,5% e o 25%. Se vén estes valores xa sitúan ás nosas universidades en postos altos da clasificación, entre o 16 e o 22, é importante mencionar que tras unha análise dos datos recollidos sobre elas nas súas respectivas webs que serviron para a elaboración do ranking, botamos en falta bastante información relativa ás actuacións de difusión que se veñen facendo dende as Oficinas de Software Libre ao abeiro do Convenio de colaboración coa Xunta de Galicia, como por exemplo a adaptación da Ubuntu-USC, a formación a PAS tanto da UDC como da USC, os cursos de verán organizados pola USC …
Por esta razón, puxémonos en contacto cos responsables deste estudo para subsanar esta falta de información e que en posteriores edicións a nosa posición no RUSL poida reflectir aínda mellor a realidade da difusión do software libre nas noas universidades.
Metodoloxía de traballo do Ranking de Universidades en Software Libre
A metodoloxía de traballo consistiu resumidamente na definición de indicadores, recompilación de información, análise dos datos e elaboración de conclusións.
Nunha primeira fase de definición dun conxunto de indicadores que permitiran obter o índice de difusión de software libre. Avaliáronse 7 dimensións da universidade: cultura da universidade en software libre, docencia, tecnoloxía, divulgación, webmetría, institución e produción. Cada unha destas dimensións ten unha serie de indicadores co seu propio peso.
Para esta fase contouse coa colaboración dun equipo de 37 recoñecidos expertos do sector , entre os que destacan o consultor internacional en TIC especializado en software libre Ramón Ramón, o Cenatic, o Centro de Apoyo Tecnológico a Emprendedores (Bilib) así como as propias universidades.
Posteriormente realizouse unha recompilación de datos de 72 universidades tanto públicas como privadas. 12 destas universidades colaboraron directamente nesta toma de datos, e para as que non foi posible esta colaboración directa, realizouse a toma dos datos publicados nas webs institucionais, como é o caso das nosas 3 universidade galegas.
Finalmente realizouse unha completa análise dos datos obtidos, o que permitiu obter a clasificación, pero tamén extraer unha serie de interesantes conclusións en base á análise realizada.
Este estudo permitirá ás universidades coñecer cales son os seus puntos fortes, e febles na difusión do software libre, así como coñecer que é o que se fai noutras universidades de cara fomentar unha colaboración entre elas.
