Se a semana pasada dabamos conta de que AGASOL está ultimando os detalles do programa da vindeira Libre Software World Conference, que se vai celebrar en outubro en Galicia, hoxe informamos da inminente celebración do I Congreso hispano-luso de software libre os vindeiros días 28 e 29 de setembro e do Joomla Day 2012. Ambos eventos celebraranse na cidade de Mérida e están a ser organizados pola asociación OpenSource Iberia, COMPLUSOFT, CYXMEDIA, Esparkle e o apoio do Goberno de Estremadura e o Concello de Mérida.
Durante estas xornadas haberá distintas conferencias, charlas e obradoiros nas que se exporán solucións a problemáticas concretas no uso diario do xestor de contidos Joomla! así como presentacións de casos de éxito sobre diferentes solucións tecnolóxicas sempre da man do software libre. Contarase coa participación e experiencia de expertos internacionais, como Max Milbers (creador de VirtueMart), Saurabh Shah (Mozillian+ReMo Member & Frontend Developer en Cloudaccess.net), Frank Scipion (organizador do primeiro Joomla!Day en España e CEO de 55thinking.com), ou Carlos Olivares (Experto en implantacións eGov baseadas en Joomla no goberno mexicano).
Entre o elenco de empresas que terán representación neste I Congreso hispano-luso de software libre, tamén haberá representación galega. Así a empresa SdWeb, afincada en Santiago de Compostela, e membro da asociación OpenSource Iberia, terá unha intensa participación no congreso coas seguintes charlas e obradoiros sobre Drupal, Alfresco e Moodle, solucións nas que conta con ampla experiencia:
- Antonio Carro Mariño, director de Estratexia e Innovación na empresa Sdweb – Solucións Dixitais impartirá a charla titulada Business Intelligence: Soluciones corporativas de reporting con Jaspersoft BI Suite e participará na mesa de debate: Conclusións talleres e mesa de debate (Open Know)
- Diego Meixeiro Calvo, responsable do desenvolvemento de solucións informáticas en grandes contas (Xunta de Galicia, Inditex, Universidade de Santiago de Compostela…) impartirá dúas charlas: Un caso de éxito Drupal en grandes organizacións, e Obradorio de Alfresco (Workflow BPM).
- Finalmente Iván Vázquez, impartirá o obradoiro Moodle. Vantaxes competitivas e económicas coa implantación do LMS nunha organización
Tamén está asegurada a presenza de representantes doutras empresas nacionais e lusas como Frank Garbajosa (COMPLUSOFT), Leonard Pera (CEO de Open-Ideas), Alejandro Domínguez (ayudajoomla.com), Javier Mendoza (CYXMEDIA), Isidro Baquero (Lider do proxecto Joomla en España) ou Javier Puerto Carbajo (Codebusters), Jordi Catá (CEO de Arambe.com), Alberto L. Rodríguez (Experto) e Iñaki Garcia (Online Manager de Womenalia) entre outros.
Por último, cabe mencionar a presenza de CENATIC nas xornadas cunha charla sobre Software Libre e Aspectos Legais, ou as conexións que se establecerán mediante videoconferencia co BILIB e con Javier Gómez (membro da directiva de OSM).
O evento contará ademais de con charlas tecnolóxicas coa presenza de Emilio Márquez Espino, Business Angel, emprendedor e CEO de Networking Activo, así como con Anto Recio, un dos fundadores da plataforma de crowdfunding Goteo.org co obxectivo de potenciar a importancia que teñen os novos proxectos e emprendedores na situación actual.
Fonte: CENATIC e I Congreso hispano-luso de software libre
