- A Xunta de Galicia participa en RuralSchoolCloud, proxecto de investigación europeo no que escolas rurais traballarán coa computación na nube para mellorar a formación do alumnado e a colaboración entre os docentes.
- Escolas do noso rural, de Dinamarca, Grecia, Italia, Macedonia e Reino Unido experimentarán con metodoloxías e ferramentas na nube baseadas en Software Libre baixo a coordinación do Centro de Supercomputación de Galicia.
- O CESGA coordinará esta iniciativa, tomando como partida a súa experiencia ‘cloud’ como a posta en marcha en colaboración coa Consellería e a Amtega nos CRA de Boqueixón, Vilaboa, Ponteceso e Ribadavia no galardoado proxecto Rede de Escolas na Nube.
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), vai participar no proxecto de investigación europeo “RuralSchoolCloud. Cloud Computing for School Networking & Learning” (Computación na Nube para a Colaboración e a Aprendizaxe na Escola), que estudará metodoloxías e ferramentas TIC innovadoras no ámbito da educación en centros educativos rurais para mellorar a formación e colaboración de alumnos e docentes.
O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), acompañado polo grupo de investigación en Tecnoloxía Educativa da USC- coordinará esta iniciativa que contará ademais co apoio da firma informática compostelá Balidea Consulting & Programming e da compañía tecnolóxica HP, que colaboraron tamén en iniciativas precedentes neste ámbito. O resto de socios pertencen a institucións educativas de Dinamarca, Grecia, Italia, Macedonia e Reino Unido con relación directa con centros educativos ubicados no rural ou en zonas con dispersión poboacional.
Este proxecto parte da experiencia e coñecementos adquiridos nos galardoados proxectos Escolas na nube, e o proxecto piloto ‘Rural Schools & Cloud computing‘ .
Ambos baséanse integramente no uso de Software Libre para o desenvolvemento da plataforma cloud: Debian O.S., Xen cloud platform , Apache, EyeOS 1.9. como sistema operativo na nube (escritorio virtual), OpenMeetings para o servizo de multiconferencia, SQLite como xestor de BBDD e Clam AV como antivirus de servidor.
Estos proxectos foron postos en marcha polo CESGA en colaboración coa Consellería de Cultura e Educación e a Amtega nos CRA de Boqueixón – Vedra, Consuelo González de Vilaboa, Nosa Señora de Faro de Ponteceso e Amencer de Ribadavia, escolas que participarán tamén nesta nova iniciativa. O proxecto tivo diversos recoñecementos a través de prestixiosos premios como o premio internacional EducaRed; Premio Iniciativa Emprendedora, que outorga o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) ou o I Premio Computer World Iberoamericano.
Intercambio de experiencias
A nova iniciativa RuralSchoolCloud terá dous anos de duración e basearase no intercambio de experiencias entre escolas do rural de 6 países europeos, así como entre os axentes implicados en deseñar programas innovadores e proporcionar contornas de colaboración tanto para o alumnado como para os docentes. A partir delas, buscarase unha metodoloxía e ferramentas de traballo comúns, nas que se aproveitarán as mellores solucións desenvolvidas en proxectos anteriores, traballando sobre novas posibilidades da computación na nube e outras solucións TIC que xa se están a empregar nos centros educativos rurais europeos, con diferentes sistemas educativos, idades e características diferentes.
As solucións metodolóxicas e tecnolóxicas desenvolvidas serán levadas á práctica polas escolas (de educación infantil, primaria e secundaria) involucradas no proxecto, dous centros por cada país, co obxecto de acadar unha maior colaboración entre estes centros e, en definitiva, unha mellora da calidade do ensino.
Fonte: AMTEGA
