Mancomún

Galicia incorpórase ao padroado de CENATIC

Venres, 18 Febreiro 2011

Logo do CENATICOnte o Consello de goberno aprobou a incorporación da Xunta de Galicia ao padroado do CENATIC , Centro Nacional de Referencia de Aplicación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación, que ten como obxectivo xeral “promover o coñecemento e difusión do software baseado en fontes abertas na Administración e nos diferentes sectores de actividade”.

Con isto o Goberno galego consegue que Galicia teña voz e voto na entidade que toma as decisións estratéxicas para o fomento do software libre a nivel estatal, xa que coa incorporación ao seu padroado a comunidade autónoma participará directamente na elaboración da estratexia do CENATIC, tomando parte na aprobación do plan de actuación e no orzamento da fundación. A integración no Centro Nacional de Referencia de Aplicación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) ten establecida unha cota anual de 65.000 euros.

Deste xeito, a Administración autonómica continúa avanzando nas medidas previstas para fomentar o uso do software libre en todos os ámbitos da sociedade como se recolle no Plan de Acción 2010 en materia de software libre e de fontes abertas (FLOSS), un plan que ten continuidade no presente ano. A incorporación ao CENATIC permitirá avanzar en diferentes accións de dito plan, a iniciadas durante o pasado ano, como a creación do Selo de Calidade FLOSS como medio para obter un modo de distinguir a solvencia das empresas desenvolvedoras de FLOSS e minimizar as reticencias cara ao seu uso por parte das empresas que aínda non empregan solucións FLOSS, ou o servizo de certificación de que o software desenvolvido pode liberarse
Selo de calidade FLOSS

Así a Oficina de Coordinación FLOSS da Xunta de Galicia realizou o pasado ano un estudo e reflexión sobre as distintas opcións xa existentes en materia de certificación FLOSS a nivel estatal, rexional e internacional, valorando a posibilidade de adherirse a algunha delas, constituíndose a Xunta de Galicia como entidade certificadora dentro da nosa comunidade, co obxectivo de maximizar o impacto do selo e dos beneficios para as empresas galegas certificadas, que desa forma obterían un recoñecemento da súa capacidade e solvencia a nivel estatal. Como resultado deste estudo, o Selo de Calidade FLOSS promovido dende o CENATIC aflorou como a mellor alternativa das posibles, polo que unha vez remate a súa definición, fito que se estima se produza durante o primeiro semestre de 2011, a Xunta de Galicia traballará na adaptación do Selo de Calidade FLOSS promovido polo CENATIC á realidade do tecido TIC galego, podendo traballar a continuación na promoción dos procesos de certificación de empresas galegas.

Servizo de certificación de que o software desenvolvido pode liberarse

Outra das vantaxes de pertencer ao padroado do CENATIC será a dispoñibilidade dun servizo de asesoramento sobre aspectos xurídicos, tecnolóxicos e metodolóxicos á Administración pública tanto para a liberación do software e coñecemento como para participar en programas de compartición e reutilización de código liberado por outras comunidades.

Dentro da iniciativa promovida pola Xunta de Galicia relativa a licenciar como software libre aquel software que, pertencendo á propia Xunta de Galicia, sexa susceptible de reaproveitamento por outras organización ou pola cidadanía, ou susceptible de xerar tecido empresarial TIC, é fundamental contar coa garantía de que o software identificado como potencialmente interesante, na práctica cumpre con todos os requisitos legais precisos para poder proceder á súa liberación efectiva. Para poder contar con estas garantías a Oficina de Coordinación FLOSS xoga un papel clave que a partir de agora contará coa axuda do CENATIC.

Fonte: Xunta de Galicia

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal