Mancomún

Galicia xa dispón dun servidor de réplica de LibreOffice

Martes, 10 Maio 2011

LibreOfficeO pasado sábado 7 de maio, o coordinador da comunidade galega de LibreOffice, Antón Méixome, anunciou que grazas á inestimable colaboración de GALPon, a comunidade galega xa dispón dun servidor de réplica ou “mirror” para o proxecto LibreOffice, que é réplica do oficial e que xa figura na lista de réplicas da propia Fundación, tal e como se pode comprobar ná páxina de servidores de réplica da The Document Foundation (TDF). Este é o segundo servidor dispoñible en toda a xeografía española, despois do de RedIris.

Logo de GALPonSegundo a información proporcionada polos responsables o servidor está conectado a unha rede de amplo largo de banda e dispón dunha tarxeta (de rede) de 1Gb; a propia máquina sincroniza así a 1Gb sempre que a rede do ISP que forneza a conexión o permita. O servidor actualízase cos contidos da TDF cada 8 horas, mediante rsync, seguindo as instrucións da TDF para a rede de mirrors.
Importancia para a comunidade galega

A TDF está a establecer nestes momentos unha rede de réplicas para asegurar a mellor distribución das distintas versións. O ciclo de publicación de versións de LibO vai ser moito máis frecuente e, polo tanto, pesado que o que estabamos afeitos na comunidade de orixe Ooo.org, polo que os requirimentos técnicos son maiores. Acorde co espírito que permea a creación desta Fundación, o proceso de creación de réplicas é moito máis aberto do habitual, xa que a TDF publicou unha guía internacional aberta de construción de réplicas de modo que non é preciso pedir permiso nin á TDF nin a ninguén para crear un servidor, simplemente queda está na man de calquera comunidade contribuír a esta rede de réplicas e facer así o sistema máis robusto, accesible e escalable.

Así, como recorda o coordinador da comunidade galega de LibreOffice, non hai que obviar a importancia de ter unha réplica galega a un proxecto de software libre da transcendencia de LibreOffice, da TDF que é totalmente autónoma verbo de patrocinadores ou promotores empresariais e está totalmente en mans da comunidade.

En primeiro lugar, a dispoñibilidade da réplica galega permitirá aos usuarios galegos ter un acceso directo ás descargas dende este servidor coa vantaxe da súa proximidade e capacidade de servizo que ofrece, o que supón un importante paso na nosa autonomía.

En segundo lugar, contribuír cunha réplica é unha colaboración importante nun proxecto de SwL, o que proporciona á nosa comunidade un coñecemento máis profundo do proxecto e atribúenos méritos dentro da comunidade global e que ao fin constitúe unha demostración da capacidade da comunidade galega.

Finalmente o coordinador da comunidade LibreOffice galega quere aproveitar a ocasión para reiterar o seu convite para colaborar co proxecto en calquera das súas facetas, aínda que como a ocasión se presta, moi especialmente na proba das versións beta de LibreOffice, informe de erros, suxestións e divulgación.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal