Mancomún

Galiza líder en España na implantación de software libre empresarial

Martes, 21 Outubro 2008

Os datos demostran que Galiza está por diante do resto do Estado na adopción de software libre no ámbito das empresas. Así o afirmou hoxe o coordenador de Mancomún, Xesús Manuel Benítez Baleato, durante a ponencia apresentada no marco da Conferencia Internacional OSWC 2008. Na súa intervención, adicada a explicar as características do DVD da PEME, Baleato resaltou que un 8,2% das PEME galegas (empresas de 10 e máis empregados/as) empregan xa o sistema operativo Linux, fronte ao 7,8% da media estatal, tal como ven de ser  últimos datos do INE

Estes datos, dos que veñen de facerse eco os medios de comunicación galegos, refórzanse ao comprobar que o crecemento interanual deste mesmo indicador amosa cómo en Galiza son un 14% máis as PEME que empregan Linux este ano a respecto do anterior.

Emprego das TIC en Galiza

Estes datos respaldan as iniciativas de promoción do software libre que dende a Consellaría de Innovación e Industria se levan mantendo nos últimos anos, en especial no referido á actividade da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, departamento dirixido por Helena Veiguela. Así, dende a Consellaría de innovación e Industria destácase  a “alta implantación das tecnoloxías da información e da comunicación nas empresas galegas de 10 e máis empregados” chamando a atención sobre o feito de “son as microempresas as que presentan as maiores dificultades para incorporarse á sociedade da información”.

A práctica totalidade das empresas de 10 ou máis empregados de Galiza dispoñen de ordenador (97,8%), internet (93,4%) e correo electrónico (91,9%). Porén, hai un 45% das empresas deste segmento que non dispón de páxina web. 

Nova en sociedadedainformación.eu:
http://www.sociedadedainformacion.eu

Nova en A Nosa Terra:
http://www.anosaterra.org

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal