- A Unión Europea continúa sentando as bases para a implantación aberta dos Servizos Paneuropeos de Goberno Electrónico (PEGS)
- O Coordinador do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza, Mancomún, Xesús Manuel Benítez Baleato, participou en calidade de experto nesta cimeira propoñendo un modelo federativo no que teñan cabida as nacións sen estado europeas como é o caso de Galiza.
- O SEMIC (semic.eu) e Mancomún continúan a traballar para formalizar o modelado semántico da taxonomía da Forxa, única contribución fundacional do Estado español neste proxecto europeo.
De novo as institucións da Unión Europea amosan o seu interese na experiencia galega de éxito no eido da interoperabilidade que representa o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza (Mancomún). Así, o pasado 2 de febreiro de 2009, Galiza sentou de novo na mesa da Comisión Europea participando xunto con reputados expertos doutros 19 países na Cimeira Europea sobre Interoperabilidade Semántica.
O encontro, promovido pola Dirección Xeral de Informática da Comisión Europea, tivo lugar nas instalacións da simbólica Tour Madou no centro de Bruxelas acollendo un conxunto de palestras e actividades nas que se revisou o actual estado de implantación do modelado de entidades semánticas nos distintos estados membro da Unión Europea.
Grazas a este produtivo intercambio de impresións, os líderes das respectivas iniciativas semánticas do territorio europeo obtiveron unha visión de conxunto que facilitará a implantación dos Servizos Paneuropeos de Goberno Electrónico (PEGS) sobre os que se constrúen os mecanismos de goberno europeo. Así, en palabras do coordinador de Mancomún, “nesta tarefa de construción semántica da Unión Europea, resultará fulcral o papel do Centro Europeo de Interoperabilidade Semántica (SEMIC) na súa función de diseminación de metodoloxías e bibliotecas semánticas así como de facilitador para o intercambio de boas prácticas”.
Entre as distintas intervencións destacaron as realizadas pola francesa Sylvie Colas quen amosou a experiencia no centro SERES do Directorate General pour la Modernistation de l’Etat na aplicación, a do proxecto alemán Bundesministerium des Innern Deutschland-online (http://www.deutschland-online.de) do Ministerio do Interior da República Federal ou o estudo sobre o caso do Goberno de Grecia, exposto polo académico Yannis Charalabidis, xa que nos tres casos amosaban exemplos de implementación das recomendacións UN/CEFACT.
No resto dos casos, as metodoloxías empregadas para o modelado das entidades conformadoras do goberno electrónico eran definidas ad-hoc, destacando o caso nórdico coa experiencia danesa a través da NITA ou a norueguesa, ambas as dúas nas que sinalan a necesidade de adaptarse ás necesidades e demandas da cidadanía e amosan unha experiencia de máis dunha década no cometido semántico.
Mención á parte merece a sinalada intervención de Miguel Ángel Amutio, do Ministerio de Administraciones Públicas español, que logrou definir un estadio na evolución da implantación da interoperabilidade semántica moito máis próxima á realidade territorial e cultural europea que os casos presentados polo resto de expertos. A exposición de Amutio supuxo unha contribución de grande valor que foi recollida pola organización, posicionando ao Estado español no lugar no que agora se atopa a UE no seu conxunto; non en balde ambas estruturas estatais comparten a coexistencia de diversas realidades nacionais e lingüísticas con distintos niveis de interoperatividade administrativa.
A contribución do coordinador de Mancomún centrouse no aspecto estrutural do proceso de construción europea, no que a interoperabilidade semántica participa como un máis dos factores. Así, en palabras de Baleato “A miña proposta radica nunha aproximación ao modelo de carácter federativo que por unha parte neutralice as contradicións derivadas da dinámica centrípeta dos estados membros no que se refire á delegación da súa soberanía e dea cabida non só as realidades nacionais presentes nos distintos Estados membros, como é o caso de España, mais tamén ás rexións culturais transfronteirizas como é o caso de Galiza/Norte de Portugal ou Holanda e a rexión belga de Flandres.”
Para Galiza, este evento supuxo un novo recoñecemento do seu liderado no eido da interoperabilidade semántica a través do seu Centro de Referencia e Servizos de Software Libre (Mancomún). Asemade, permitiu acometer unha posta en común co persoal técnico do SEMIC en relación coa contribución galega a esta iniciativa europea: a taxonomía da Forxa. Deste modo, estabelécense novas canles de traballo que conducirán á formalización dun modelado semántico da taxonomía da Forxa, única contribución fundacional do Estado español neste proxecto europeo que logrou incluír ao idioma propio de Galiza entre os empregados na posta en marcha dos servizos de goberno electrónico europeo.
A Unión Europea continuará apoiando esta iniciativa da Dirección Xeral de Informática da Comisión, vital para a extensión dos servizos paneuropeos de goberno electrónico.
