Mancomún

GALPon amplia a toda Galicia a axuda en forma de colaboración para un Proxecto de automática/robótica sobre Hardware e Software Libre

Martes, 1 Outubro 2013

Imaxe engranaxe hardware libreLogotipo de GALPonO pasado mes de xuño, GALPon anunciaba a súa iniciativa a prol da difusión do hardware e software libre.

Tratábase da convocatoria dunha axuda en forma de colaboración para o desenvolvemento dun proxecto de automática ou robótica empregando hardware e software libre, dirixida a centros educativos da provincia de Pontevedra.

Onte, 30 de setembro, remataba o prazo para a presentación de candidaturas, pero debido a que todos os proxectos recibidos ou non están debidamente informados ou non acadan un mínimo de calidade, anuncian un importante cambio nas bases:

Amplíase a zona xeográfica a toda Galicia e o prazo de entrega de propostas ata o día 27 de outubro. Polo que agora calquera centro educativo galego pode participar desta axuda.

Para todos os interesados en participar, lembramos que a oferta de GALPon, de forma resumida consiste na cesión do hardware libre necesario para o proxecto ademais do asesoramento técnico para o correcto desenvolvemento. Se o proxecto acada os seus obxectivos o equipo recibirá un premio en metálico de 300€.
Para obter máis información sobre como solicitar esta axuda así como os requisitos, debe consultarse o wiki de GALPon.

Quen pode acceder a esta axuda?

GALPon ofrece a posibilidade de solicitar esta colaboración a calquera entidade rexistrada formalmente, coa súa sé social en Galicia, que teña nos seus obxectivos a formación e/ou difusión da tecnoloxía, ou o ensino nos graos de educación infantil, educación especial, educación primaria, educación secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional (exclúese implicitamente a educación en graos superiores).

Prazos

As solicitudes deberán enviarse a GALPon antes do 28 de outubro de 2013. Un xurado de técnicos de diversas disciplinas, nomeado pola Xunta Directiva de GALPon, do que será secretario con voz mais sen voto o Presidente de GALPon ou persoa en quen delegue, analizará as propostas e acordará a cal delas se lles fornecerá o material necesario.

De darse a situación de que, dentro do límite da achega (1.000€) que fai GALPon fose posible colaborar con máis dun proxecto, este xurado determinará cales e en que contía.

O informe do xurado sobre as propostas, publicarase, a máis tardar no primeiro domingo (3) de novembro do presente ano.

O proxecto deberá desenvolverse durante o curso académico 2013-2014, sendo o último día lectivo do curso a data límite para rematalo, podendo concederse unha prórroga se GALPon estima que a dificultade do proxecto e obxectivos acadados ata o momento o merecen.

Que ofrece GALPon?

GALPon cederá á entidade seleccionada o material hardware preciso para o desenvolvemento do proxecto de automática ou robótica libre ata un importe máximo de 1.000€. Ademais ofrece asesoramento ao equipo de traballo no deseño final do proxecto, na escolla do Software a empregar e das licenzas a aplicar e, chegado o caso, tamén axuda na programación dos scripts, aplicativos ou programas necesarios. Finalmente, en colaboración co Proxecto Trasno, ofrecen axuda para a correcta realización da documentación do proxecto e a súa tradución ao galego.

Ademais, se o proxecto acada o resultado previsto GALPon concederá un premio de 300 € (en metálico) para os membros do equipo, agás o tutor/responsable se este é mestre/docente/animador do centro ou institución propoñente. Neste caso, o equipo deberá facer unha presentación pública do proxecto en forma de obradoiro nun dos «Sábados Libres na Altamar» ou noutra actividade semellante organizada por GALPon.

Hardware, software e documentación libres

Todo o hardware a empregar no proxecto deberá ser libre e estar gobernado “exclusivamente” por Software libre. No caso de ser estritamente necesario aceptarase o uso de hardware privativo cando non exista alternativa libre sempre que sexan elementos auxiliares ou secundarios e non excedan do 15% do importe.

Todo o software empregado debe ser libre, ademais todo o software desenvolvido deberá realizarse empregando IDEs libres, deberá ser liberado baixo unha licenza libre copyleft, e se precisa unha máquina ou motor para a súa execución deberá ser tamén libre (por exemplo, OpenJava)

Finalmente o proxecto deberá ser debidamente documentado de xeito que poida se replicado por calquera persoa cos coñecementos mínimos. A documentación deberá fornecerse en formato HTML ou Mediawiki xunto cos elementos fonte das imaxes, gráficos, esquemas … e publicarase baixo as licenzas GNU FDL e Creative Commons By-SA v.3

Como referencia GALPon inclúe unha lista de produtos que se consideran libres, que non exclúe outro posible hardware libre:

Todas aquelas persoas interesadas en participar nesta inciativa, deben consultar os detalles e bases desta axuda no wiki de GALPon.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal