GALPon anunciou o pasado domingo o proxecto gañador da achega de material e axuda segundo a convocatoria lanzada hai uns meses.
Segundo contan dende GALPon, unha vez analizados todos os proxectos presentados, só un superou a fase previa administrativa, xa que dos (poucos) proxectos presentados todos, agás un, non cumprían as bases. Uns por non acompañar o orzamento estimado, outros por presentar un proxecto excesivamente ambiguo e outros por consistir na compra dun «kit» e proceder a montalo, o que consideraron máis como unha manualidade.
O proxecto que se fixo pois merecedor da achega de material conforme ao convenio foi o presentado por: Alberte Xosé (Tucho) Méndez López en representación do CPI Alcalde Xosé Pichel de Traba (Santa María) en Coristanco, cun orzamento total de 807,59 € (sen incluír o I.V.E.)
O proxecto presentado consta á súa vez de dous pequenos proxectos, a creación dunha estación meteorolóxica de centro empregando hardware libre e a creación dun robot móbil empregando Arduino e impresoras 3D. En ambos casos documentarase todo o proceso de xeito que poida ser reproducido noutros centros.
O obxectivo é que estes dous proxectos permitan ao alumnado coñecer a forma de traballar con hardware e software libre de forma que vaian acadando os recursos precisos para entender as posibilidades que ofrecen o hardware e software libre e poder desde aí deseñar e levar a cabo os seus propios proxectos.
Na web de GALPon pode verse a descrición completa do proxecto segundo foi presentado.
