Mancomún

GALPon celebra o Día da Liberdade do Software coa versión final de PicarOS Diego 2013

Sábado, 21 Setembro 2013

Captura de PicarOSGALPon fai coincidir co Día da Liberdade do Software o lanzamento oficial da versión final de PicarOS Diego 2013, da que vos falamos hai uns días.

Así, este sábado 21 de setembro ás 00:00 horas xa está dispoñible a descarga:

  • Torrent: picaros-diego.iso.torrent
  • Directa: picaros-diego.iso (3.5 GB aprox)
  • Suma md5: 18bcfb8016425ac672d2305b858d31e3
  • Suma sha1: c6882329e6866a0f6caab1110e53150234dee2d1

Presentación oficial en Mugardos e Granada

Aquelas persoas interesadas en ter unha idea xeral das características de PicarOS poden visualizar o vídeo de presentación.

Miguel Bouzada estará este sábado a partir das 12:00 horas no Kernel 2013 en Mugardos presentando esta nova versión. A presentación poderá ser seguida por Internet a través de Google Hangout. Os interesados en participar non teñen máis que consultar a ligazón dende a comunidade MiniNo ou dende a conta de Miguel Bouzada.

Ademais, tamén se fará a presentación de PicarOS en Granada, na celebración do Software Freedom Day organizado pola asociación GCubo e a OSL da Universidade de Granada.
PicarOS Diego 2013

Como indican nas notas de lanzamento, PicarOS Diego 2013 é unha das distribucións máis grandes do planeta adicada aos máis cativos. Trátase dunha distribución baseada en GALPon MiniNo, polo que pode executarse en calquera equipo hardware cunhas capacidades mínimas, pero tamén en equipos netbook modernos.

PicarOS Diego 2013 conta cun entorno enfocado a cativos de 3 a 12 anos, cun deseño atractivo, configurada para traballar cun simple clic (máis doado que o dobre clic), para controlar que só se inician os aplicativos unha, e só unha, vez, para presentar unha mensaxe se o programa vai tardar en iniciarse máis do desexado, comprobar se o programa require ou non da Internet ou de aceleración gráfica, se o equipo é potente abondo ou calquera outra cousa que poida xurdir … Conta con numerosos aplicativos libres para a edición gráfica, multimedia, ofimática, xogos e múltiples programas educativos.

En definitiva, está todo pensado para que os miúdos (e os non tan miúdos) non teñan por qué saber nada do sistema nin de instalacións para tirarlle partido a esta distribución.

Agradecemos que a probedes e que nos enviedes os vosos informes de fallo ao noso correo minino[en]galpon[punto]org

O equipo de desenvolvemento animan a probala e que se informe dos posibles fallos atopados ao se correo minino @ galpon . org ou a realizar consultas a través do foro de axuda.

A difusión de PicarOS forma parte das actividades que GALPon realiza ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2013 da Xunta de Galicia.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal