Mancomún

GALPon chama aos docentes a participar no 1º editatón da Galipedia en Vigo

Xoves, 5 Febreiro 2015

Logotipo de GALPonContinuando co 3º ciclo dos sábados libres na Altamar, GALPon organiza para o vindeiro sábado 28 de febreiro o primeiro editatón da Galipedia en Vigo, que será coordinado e dirixido polos administradores da Galipedia.

Logotipo animado da Wikipedia obra de abnormaal (http://commons.wikimedia.org/wiki/User:Abnormaal)Un editatón é unha reunión onde os participantes se xuntan para editar a Galipedia, tanto de forma presencial coma virtual. Cada editatón adoita dedicarse a un tema concreto; nesta ocasión centrarase na creación e mellora de artigos relacionados coas tecnoloxías e a cultura libres, aínda que sen deixar fóra outras posibilidades.

Chamamento especial á comunidade docente

Dende GALPon fan un chamamento especial á comunidade docente para participar nesta xornada, co obxectivo de aprender xuntos como participar na creación e mellora de artigos da Galipedia.

Seguramente moitos docentes teñen usado artigos da Wikipedia nas súas clases, igual que os seus alumnos e alumnas, mais case con toda probabilidade aínda non se animaron a participar activamente nela e colaborar na edición de artigos. Probablemente a maioría por descoñecemento e falta de tempo para aprender como facelo.
GALPon anima aos docentes a participar nesta xornada para aprender, guiados e asesorados por usuarios experimentados, a contribuír a que medre o coñecemento dispoñible para todo o mundo, na nosa lingua.

O obradoiro ten ademais a intención de explorar as posibilidades de incorporar a documentación da Galipedia nas nosas aulas, polo que intercambiaranse ideas e experiencias que poidan darlle ao alumnado a oportunidade de ser non só usuarios, senón participantes activos e creadores do patrimonio cultural e libre da humanidade.

Programa da xornada

O programa provisional da xornada ten por obxectivos iniciais contribuír á mellora de artigos existentes na Galipedia así como a creación doutros novos relacionados coas tecnoloxías libres. Por suposto este programa é susceptible de modificación e ampliación segundo os intereses dos participantes que se vaian inscribindo no mesmo. Pódese consultar a información máis recente tanto no wiki de GALPon como na páxina do editatón da Galipedia .

É recomendable que todos os asistentes leven xa creado un usuario de seu na Galipedia. Para iso non teñen máis que:

  • Acceder á páxina principal e, na parte superior dereita, premer en Crear unha conta
  • Cubrir os campos solicitados, e tras premer en “Crear a conta” recibirán un mail cunha ligazón para confirmar o rexistro.

Propostas de artigos a mellorar

Propostas de creación de artigos

  • Software privativo
  • Copiade, malditos!
  • MOOC
  • Cultura libre
  • Datos abertos
  • Licenzas Creative Commons
  • Hardware libre
  • Arquitectura aberta
  • Bitcoin
  • Educación aberta
  • Impresora 3D

Para asistir á xornada do vindeiro 28 de febreiro, é necesario inscribirse e reservar praza como sempre a través do correspondente formulario de inscrición.

Confiando na boa acollida desta xornada dende GALPon están na procura dun novo espazo que admita máis xente que o espazo habitual da residencia Altamar, que conte coas óptimas condicións técnicas e de comodidade e sen afastarse demasiado xeograficamente do espazo habitual.

Como sempre tamén, podedes seguir o desenvolvemento desta actividade no «evento no G+»

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal