Mancomún

GALPon MiniNo 2.0 foi presentada o pasado venres

Xoves, 22 Novembro 2012

O pasado venres 16 de novembro, coincidindo con 10 aniversario da asociación GALPon, foi presentada a nova versión GALPon MiniNo 2.0 Ártabros, Nova web de GALPon MiniNoacompañada dunha nova web completamente anovada baseada no popular xestor de contidos Drupal. Segundo as palabras do propio Miguel Anxo Bouzada, presidente de GALPon e coordinador da distribución MiniNo, na mensaxe que anunciaba a nova, agardan que a nova web sexa máis funcional que a anterior baseada en «dokuwiki».

Dende aquí achegamos os nosos parabéns a GALPon polos seus dez anos a prol de Software Libre e pola nova versión de GALPon MiniNo.

Ranking de DistrowatchNo que respecta á nova MiniNo, dicir que mantén como principal obxectivo ser unha distribución orientada ao seu emprego en máquinas antigas con escasos recursos. Os requisitos mínimos de hardware que deberá ter unha máquina dependerán en gran medida das expectativas de uso que teñamos sobre ela.

Cómpre destacar que o interese espertado por esta nova versión na súa semana de vida é moi alto, xa que é a novena distribución na lista de consultas diarias de Distrowatch nos últimos 7 días.

En canto ás novidades desta nova MiniNo, como vos fomos informando a medida que foron publicando as versións beta e candidata, conta coas seguintes:
A primeira e máis notable é o emprego de Debian Wheezy como base e a adopción do escritorio de LXDE. A pesar de que o anterior escritorio IceWM era máis lixeiro pero quedábase atrás nalgunhas necesidades actuais, polo que o equipo de desenvolvemento optou por «optimizar» LXDE en lugar de seguir engadindo módulos a IceWM. Está dispoñible con 2 núcleos linux-image-3.2.0-3-686-pae para ordenadores máis modernos (aprox. menos de 12 anos) e linux-image-3.2.0-3-486 para ordenadores antigos (aprox. máis de 12 anos)

Ademais conta con dous instaladores:

  • Instalador sinxelo, con dúas opcións:
    • Normal: Só pide datos moi sinxelos de entender por calquera novato
    • Non preguntes, faino! (No questions, simply GO!): só preguntará que idioma queremos utilizar como predeterminado e pediranos que confirmemos a instalación tras avisarnos de que vai a formatar toda a unidade, así de sinxelo.
  • Instalador avanzado: Lembraranos ao instalador experto de Debian, para quen necesite un control total da instalación.

Outras características a destacar son:

  • Incluído o catalán como idioma inicial, grazas a José Angel Galegos que fixo as traducións. Desta forma son 4 os idiomas utilizables na Vivo e na instalación inicial .
  • Incorpora xestión de Bluetooth e a compatibilidade de modems 3G (só probado con Yoigo) .
  • Configuración de «Tor» para usala co navegador Midori e poder facer navegación anónima na Rede, simplemente premendo nunha entrada de menú.
  • Opción para «restaurar» toda a configuración inicial do escritorio. Isto permitiranos «xogar» coa tranquilidade de que poderemos volver aos «axustes de fábrica».
  • Opción de escritorio «Estilo Gnome» para quen bote en falta esa forma de traballar. Para acceder a ela, só hai que seguir unha entrada de menú e non precisa instalar nada.
  • Configuración automática de impresoras segundo sexan conectadas, sempre que o controlador (driver) estea instalado. Ten incluídos moitos controladores de impresoras, os básicos de cups, a colección de foomatic, os de gutenprint e os propios de HP. É imposible incluír todos os controladores, mais hai unha boa colección deles sen ter que empregar a conexión a Internet.
  • Incorpórase un «Pseudo Exposé» e sombras nas xanelas. Mais estas opcións, a fin de manter os equipos en mínimo consumo de recursos, están desactivadas no inicio e deberán ser activadas, a criterio do usuario e en función dos recursos da súa máquina, na configuración de sesión de escritorio.
  • Polo que respecta aos navegadores, ao final optamos por incluír dous: Midori e Iceweasel. Iceweasel é un pouco máis pesado, sobre todo cando tira de xulrunner, mais é máis maduro que Midori en moitos aspectos e para os que necesitan de engadidos é un bo navegador.
  • Integración de «cronopete» algo que agradecerá a xente que quere usar a Minino con fins profesionais pero tenlle respecto por si lle falla o disco HD (non esquezamos que estamos falando de máquinas que xa teñen os seus centos de miles de gravacións nas costas e que os discos quéixanse).
  • Por último, comentar que pcmanfm, o administrador de ficheiros, ten capacidades para navegar por redes samba, ftp e sftp. O paquete samba habería que instalalo, pois quedan poucos megas libres no CD para incluír todo o que desexado e samba ocupa bastante. De tódolos xeitos, non esquezamos que poderemos instalar todo o preciso desde os repos de Debian.

Está dispoñible para descargar dende a sección de descargas da nova web, dende onde está dispoñible tamén unha versión personalizada para o ensino primario (nenos de 3 a 12 anos) cun escritorio e funcionalidades pensadas para que sexa agradable e doada de usar polos cativos, denominada MiniNO PicarOS 2012, da que presentaron a primeira proba de concepto hai aproximadamente un ano na II MiniNo DevConf

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal