Dende GALPon continúan coa súa actividade de potenciamento e difusión do proxecto de solidariedade social GALPon MiniNo.
Se o pasado mes de setembro tivo lugar a presentación oficial da última versión de GALPon MiniNo Alguadaira en Mugardos e este sábado 6 de novembro terá lugar a celebración da I Xuntanza MiniNo DevConf, hoxe damos conta da participación de Miguel Anxo Bouzada na V Semana de Software Libre de Tudela.
Alí, Miguel Bouzada xunto co outro dos coordinadores do proxecto, Antonio Sánchez León, presentarán en sociedade o MiniNo no decurso da «V Semana de Software Libre». O relatorio titularase «Renueva tu antiguo PC con Minino» e celebraráse no Cibercentro de Tudela.
GALPon MiniNo é unha distribución que non pretende ser unha solución ultra rápida para equipos de última xeración, senón que buscar ser razoablemente útil en computadores moi antigos e con baixos recursos. É dicir, é unha aposta pola sustentabilidade e reciclaxe TIC, en aras da redución do lixo hardware ademais dunha proposta para a alfabetización TIC con baixo recursos.
Está dispoñible a presentación íntegra realizada en Mugardos para todos os interesados en coñecer en profundidade este proxecto. Está baseada en Debian Lenny e inclúe ducias de aplicativos coidadosamente seleccionados para sacarlle partido aos computadores máis vellos. Entre as características que os propios desenvolvedores destacan desta nova versión está o seu aspecto renovado, moitísimas melloras e utilidades e, como sempre, un especial coidado na tradución de todos os programas, estando practicamente ao 100% en galego, español e inglés. Pero como unha imaxe vale máis que mil palabras, contan cun vídeo promocional no que se pode observar este sistema operativo galego en acción.
Dende GALPon animan a todo o mundo a instalar esta nova versión nos seus computadores con poucos recursos e agradecen calquera tipo de comentario, dúbida, problema, suxestión…na lista de correo en Google Groups (http://groups.google.com/group/minino-distro).
O potenciamento e difusión do proxecto de solidariedade social GALPon MiniNo forma parte das actividades que a asociación GALPon desenvolve ao abeiro do Convenio de colaboración asinado polas AGUSL coa Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia e incluídas no plan de acción FLOSS 2010 da Xunta de Galicia.
Fonte: GALPon
