A asociación GALPon organiza dúas conferencias sobre as ferramentas Enable Viacam e SITPLUS, das que xa vos falamos no seu día. eViacam é un programa de computador cun licenza GPL que substitúe a funcionalidade do rato permitindo mover o punteiro a partir do movemento da cabeza. SITPLUS é un framework, tamén con licenza GPL, cuxo principal obxectivo é ofrecer actividades lúdico-terapéuticas para persoas con pluridiscapacidade. 
En resume, D. Cesar Mauri, desenvolvedor e líder de ambos proxectos, falará polo miúdo destas dúas ferramentas libres e de balde que facilitan ás persoas con discapacidade o uso dos computadores.
A primeira das conferencias estará dirixida a pais, educadores/monitores e usuarios en xeral. Terá lugar o vindeiro sábado 1 de outubro ás 11:00 da mañá na Sala de Conferencias do Centro Social Novacaixagalicia, sito na rúa Policarpo Sanz 24, 3ª andar de Vigo.
A segunda delas ten un carácter máis técnico, e terá lugar o luns 3 de outubro, ás 12:00 da mañá no Salon de Graos da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, da Universidade de Vigo, Lagoas, Marcosende. Esta conferencia irá dirixida a técnicos e desenvolvedores, na que se analizará o código (GPL) e a súa estrutura técnica.
eViacam
Enable Viacam (eViacam) é un programa de computador que substitúe a funcionalidade do rato permitindo mover o punteiro a partir do movemento da cabeza. Funciona nun ordenador PC equipado cunha cámara web, sen elementos adicionais. eViacam está baseado no programa Rato Facial galardoado con varios premios.
Plataformas admitidas: GNU/Linux Windows 2000/XP/Vista/7
Non todo o mundo é quen de empregar o rato para mover o cursor na pantalla. eViacam é un software libre e de balde que foi deseñado principalmente para persoas con discapacidade. Utilizando unha cámara web, detecta o movemento da cabeza e o punteiro móvese en consecuencia. Só ten que configurar a área de detección (localizar a cara do usuario), a continuación, prememos no botón para inicialo. A xanela principal de eViacam tamén ofrece un acceso directo ao teclado virtual do seu Sistema Operativo. Para premer (facer «clic») nunha ligazón ou documento, coloque o punteiro sobre el e agarde un par de segundos a que se execute. Na parte superior da pantalla, ten unha barra para seleccionar o tipo de pulsación que queira facer: «clic» co botón dereito ou o esquerdo, dobre «clic» ou ata nada en absoluto. A configuración e calibrado da sensibilidade e velocidade do cursor sobre os eixes X e Y, o tempo de demora para facer o «clic», etc. entreteralle uns minutos, pero isto só será a primeira vez que o execute, despois da instalación. eViacam pode utilizarse (actualmente) en 10 idiomas, incluído o castelán, galego, catalán e asturiano.
Conclusión? eViacam funciona moi ben cun pouco de práctica! Libre e moi intelixente, é un gran programa que permite que ás persoas con discapacidade poidan gozar completamente do seu PC.
SITPLUS
SITPLUS é un framework de software libre (GNU/GPL) cuxo principal obxectivo é ofrecer actividades lúdico-terapéuticas para persoas con pluridiscapacidade. Ofrece novas formas de interacción baseadas en visión artificial, voz e outros periféricos para producir un resultado en forma de imaxe e son. Inspirado nos aplicativos de causa-efecto, SITPLUS fornece unha ferramenta para a interacción continua e a distancia, accesible á maioría das persoas con discapacidades cognitivas, físicas e sensoriais.
SITPLUS é froito de case tres anos de investigación, desenvolvemento e intervención directa con persoas con parálise cerebral da APPC. Foi concibida a finais de 2007 para tentar dar unha resposta ao grupo de persoas cuxa combinación de limitacións motrices, cognitivas e ata sensoriais vetábanlles o acceso a outras ferramentas de uso máis común. As sesións experimentais, levadas a cabo no laboratorio que a APPC dedicou en exclusiva a este proxecto, revelan que esta ferramenta non só é útil para moitas persoas con afectacións moderadas e severas, senón que, ademais, resulta moi motivadora para aqueles usuarios con afectacións máis leves.
O espazo web dedicado a SITPLUS é un proxecto que ten o dobre obxectivo de, por unha banda, ofrecer de forma totalmente de balde está tecnoloxía ás entidades e familias, e por outra, abrir a porta á vosa colaboración para continuar mellorándoo.
Aínda que SITPLUS céntrase nas persoas con parálise cerebral, tamén pode beneficiar a outras persoas con discapacidades cognitivas. Doutra banda, tamén pode ser útil como unha plataforma para a investigación en xogos, música e arte interactivos. De feito, SITPLUS concíbese como un marco de aplicación onde se poden desenvolver diversas actividades que utilizan recursos. Os recursos serían elementos como, por exemplo, a análise do son de entrada, o seguimento do movemento a través de visión artificial, os algoritmos de síntese gráfica e sonora, etc. As actividades non son máis que pequenos aplicativos que utilizan os recursos para facer algo útil (por exemplo, permitindo interactuar co sistema dalgún xeito). A idea deste modelo é permitir a reutilización dos compoñentes para proporcionar diferentes escenarios interactivos mantendo simple o seu desenvolvemento e uso.
Neste momento SITPLUS está dispoñible en castelán, galego e catalán (outros idiomas en proceso de tradución).
Esta actividade forma parte das actividades que a asociación GALPon realiza co financiamento da Xunta de Galicia a través do Convenio de Colaboración das AGUSL coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia incluído dentro do Plan de Acción FLOSS 2011.
