Mancomún

GALPon organiza o ciclo de obradoiros "Sábados libres" na Residencia Altamar en Vigo

Luns, 22 Abril 2013

Logotipo de GALPonA asociación GALPon, en colaboración coa asociación Xuvenil Altamar, da Residencia Altamar (As Travesas) dependente da Xunta de Galicia, organiza un pequeno ciclo de obradoiros ao que deron en chamar «Sábados libres na Altamar» que se impartirán nos locais da propia Residencia.

Os obradoiros programados celebraranse o último sábado de cada mes, en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 19:00 horas, dende o vindeiro mes de maio ata novembro, agás os meses de verán.

A participación e asistencia a estes obradoiros é de carácter gratuíto, e está aberta ao público en xeral.

Nestes obradoiros traballarase sobre temas de actualidade como Arduino, ou a creación de NAS ou centro multimedia con Raspberry Pi e OpenMediaVault ou OpenElec respectivamente.
O programa previsto é o seguinte:

  • Maio: O sábado 25 de maio celebrarase o obradorio Arduino 1 – Programación de Arduino.
  • Xuño: O sábado 29 de xuño celebraranse dous obradoiros, un en horario de mañá e outro en horario de tarde:
    • Mañá: Creación dun NAS con OpenMediaVault sobre Raspberry Pi (Base de traballo do minino-nas-4rpi)
    • Tarde: Creación dun «Centro multimedia» con OpenElec sobre Raspberry Pi
  • Setembro: O sábado 28 de setembro impartirase o obradoiro Bash + Vi – Iniciación á programación de bash scripting
  • Outubro: O sábado 26 de outubro celebrarase o obradoiro Arduino Connect no que se verá de forma práctica a conexión da plataforma Arduino a diferentes tipos de rede: Bus-Can, Bluetooth, Ethernet, Wifi, …
  • Novembro: O sábado 30 de novembro celebrarase o obradoiro Uso avanzado de Vi

Segundo informan dende GALPon, nas semanas previas a cada un dos obradoiros publicarán na wiki adicada a este ciclo os detalles, temario e horario concreto do obradoiro en cuestión, polo que é recomendable que todos os interesados estean atentos á información que vaia publicando GALPon segundo se vaian aproximando as datas.

Dende GALPon informan que teñen localizado un sitio próximo para comer razoablemente ben e a un prezo axustado, para todos os que queira xantar pola zona. Ademais animan a todos os participantes a rematar a xornada dunha maneira informal nun bar/cafetería próximo compartindo unhas cañas, refrescos , café …

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal