Mancomún

GALPon publica a guía de axuda "argallando cunha Raspberry Pi"

Martes, 9 Xullo 2013

O pasado 29 de xuño tivo lugar a II xornada dos Sábados libres na Altamar organizados por GALPon, adicada nesta ocasión ao RaspberryPi. Esta xornada foi, unha vez máis, todo un éxito de acollida xa que se cubriron a totalidade das 30 prazas dispoñibles, amosando os asistentes a súa satisfacción coa mesma.

Foto das xornadas de Raspberry Pi de GALPonDado o éxito de asistencia e o interese espertado, unido ao escaso material dispoñible en galego sobre RaspberryPi, dende GALPon consideraron que sería de utilidade dispoñer dunha pequena guía en galego sobre como traballar coa RaspberryPi, agrupando nunha mesma páxina wiki unha serie de dúbidas (e/ou elementos non moi divulgados) e ofrecendo unha solución conxunta, de forma tal que se poidan solucionar de vez varias configuracións de interese.

Así a semana pasada, publicaron no seu wiki o manual de referencia das actividades realizadas na xornada, cunha licenza GFDL. Segundo recollen no anuncio da publicación, “seguindo o habitual criterio do autor do mesmo, este manual é perfectamente comprensíbel polos usuarios noveis, as ordes están ben desbrozadas para que non haxa dúbidas ao respecto. Así mesmo a súa aplicación segue o principio de só Software Libre polo que todo o traballo está orientado a traballar sempre cun S.O. GNU/Linux”.
O manual recolle os seguintes temas:

  • Creación dunha tarxeta básica de sistema con Raspbian
  • Transferindo o S.O. a un USB
  • Reciclando unha vella tarxeta SD de 1 GB
  • Instalación dun NAS con OpenMediaVault
  • Traballando con múltiples discos e UUID
  • Dispositivo externo de almacenamento
  • Servidor FTP
  • Cliente Torrent con almacenamento nun dispositivo externo
  • Caso práctico complexo

Así mesmo, Sobre o RaspWulf, Xabier Villar outro dos poñentes, desenvolveu esta documentación que deixou a pública disposición no wiki de Inestable

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal