O pasado sábado 30 de novembro GALPon celebrou o quinto e último obradoiro programado para este ano dentro do ciclo dos «Sábados Libres na Altamar» que veñen organizando dende o pasado mes de maio da man da Asoc. Xuvenil Altamar e co Patrocinio da AMTEGA nos espazos cedidos pola Residencia Altamar.
Resultados do obradoiro
Durante estes 5 obradoiros cunha duración superior ás 32 horas tratáronse temas de actualidade como Arduino, RaspberryPi ou introdución á programación bash scripting (Bash , VIM). Segundo a información ofrecida por GALPon, estes obradoiros tiveron un total de 122 asistentes, algúns deles repetindo asistencia a varios obradoiros, o que deixa unha cifra de 71 persoas asistentes.
Ademais do magnífico ambiente de camaradería e colaboración que se xerou entre todos os asistentes, o que resulta un excelente exemplo do que son as comunidades de Software Libre, resultado deste ciclo son a incorporación de 3 novos socios á asociación, así como a guía “Argallando coa RaspberryPi” que leva xa máis de 3.500 visitas aínda que está unicamente dispoñible en galego, ou as chuletas de Bash e VIM.
Agradecementos
Dende GALPon queren pechar este ciclo cos seguintes agradecementos:
- No primeiro lugar, agradecen a presencia a todos os que asistiron a estes obradoiros por conseguir crear un excelente entorno de traballo e facer que na «biblioteca» se sentise a presencia dunha «comunidade».
- Especial recoñecemento aos ponentes/profesores polo traballo desenvolvido e por ter «transferido libremente» os seus coñecementos.
- Agradecer as facilidades dadas pola Dirección da Residencia Altamar, permitíndolles sentir como na casa, e aos rapaces da directiva da Asoc. Xuvenil Altamar por simplificarlle todo o traballo.
Preparando o seguinte ciclo
Dende GALPon indican que xa están a artellar o ciclo do ano de que vén, do que podedes ver as notas previas no seu wiki e recomendan estar atentos á súa web e ao grupo de GALPon no G+
Esta actividade forma parte das actividades que GALPon realiza ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2013 da Xunta de Galicia.
