Mancomún

Ghandalf e Xeoinquedos organizan a primeira Geocamp ES na localidade de Bouzas (Vigo)

Xoves, 6 Xuño 2013

O vindeiro 22 de Xuño, vaise celebrar en Bouzas (Vigo) a versión española da Geocamp, unha xornada sobre temas "xeo" e software libre que se ven celebrando dende hai 3 anos en Portugal, en formato desconferencia que é organizada por un grupo de xeoinquedos galegos e a asociación GHANDALF.

Banner da Geocamp ESTrátase dun día para o intercambio de experiencias, coñecementos e valores en torno a todo o que teña que ver con temas xeo e software libre, como localización, mapas, mapas sociais, programación, servizos na nube, usabilidade, deseño, ou calquera outro que xurda.

A orixe desta xornada vén dunha das participacións dalgúns dos membros dos grupos organizadores na Geocamp do ano 2012 en Campo Maior (Portugal). Logo desta participación, sabedores do cada vez maior interese en Galicia sobre este tipo de tecnoloxías, onde se está a vivir un certo movemento de xente con grandes inquedanzas sobre estes temas e onde están a aparecer grandes profesionais do sector que falan Galego e que participan en proxectos e xornadas de carácter nacional e internacional, xurdiu a idea de crear un evento no que compartir experiencias e coñecemento sobre temas “xeo” e software libre en Galicia.
A GeocampES faise en formato de “desconferencia” tentando así favorecer a participación e a colaboración, xa que serán os propios participantes no evento os que conformen o programa de charlas o propio día do mesmo, xusto antes de comenzar. Está garantida a participación de grandes nomes no mundo do software libre e da xeomática a nivel nacional e internacional como se pode ver no blog do evento, por exemplo Jorge Arévalo , Sergio Alvarez (@Vizzuality – @CartoDB), Juan Marín Otero (@OpenGeo)

Esta primeira edición celebrarase na localidade de Bouzas, que pertence ao municipio de Vigo, fuxindo así das grandes cidades e apostando tamén por dar a coñecer as pequenas vilas e os seus encantos.

A entrada é de balde, así como a comida e os cafés que se servirán nos descansos, haberá agasallos para os asistentes e algunha sorpresa final. Todo isto grazas aos patrocinadores do evento.

A Geocamp ES é un proxecto sen arela de lucro organizado por persoas voluntarias polo que calquera patrocinador que desexe apoiar o proxecto será benvido. Segundo indican dende a organización, a marca de todos os patrocinadores terá gran visibilidade no evento, o que consideran unha ocasión única para facer promoción ante potenciais clientes, xa que agardan que se acheguen uns 70 participantes de España, Portugal e outras partes de mundo. Actualmente contan co patrocinio da empresa de solucións tecnolóxicas Nevian, con sede en Vigo, ademais da achega da AMTEGA a través da asociación Ghandalf.

Ghandalf participa na organización desta xornada como unha das actividades que realiza ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2013 da Xunta de Galicia.

Para estar atento ás novidades está dispoñible unha web do evento, así como os perfís de twitter(@geocampes) e facebook.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal