Mancomún

Ghandalf e Xeoinquedos organizan este fin de semana unhas Xornadas sobre Qgis no CNTG

Venres, 29 Novembro 2013

Captura do proxecto QGISHoxe, venres 29 de novembro comezan as Xornadas de traballo sobre o proxecto Qgis, organizadas por Xeoinquedos coa colaboración de Ghandalf, que se estenderán ata mañá sábado 30 de novembro. O proxecrto QGIS é un sistema de información xeográfica libre con licenza GPL multiplafatorma. É o proxecto oficial de OSGeo e admite numerosos formatos e funcionalidades de datos vector, datos ráster e bases de datos.

Nestas Xornadas de traballo, os asistentes poderán achegarse e comezar a traballar con QGIS da man de dous expertos de recoñecido prestixio da comunidade internacional do proxecto QGIS.

O programa das xornadas estrutúrase nunha primeira xornada de achegamento ao proxecto e networking e a segunda cun obradoiro de introdución a QGIS.
Venres 29 de novembro

A sesión de hoxe, terá lugar de 18:00 a 21:00 horas, aproximadamente, e contará coa presenza de Paolo Cavallini para dirixir a xornada. Paolo é o fundador de Faunalia, empresa especializada en FOSS4G con sede en Italia e Portugal. É membro do Comité de Dirección do Proxecto QGIS como Asesor Marketing/Financeiro e ten unha dilatada carreira adicada ao mundo xeo. Nesta sesión, Paolo ensinará os aspectos máis interesantes sobre o proxecto QGIS, canta xente está involucrada, como se organiza un proxecto de software libre destas dimensións … Trala exposición haberá unha quenda de preguntas para aclarar dúbidas e debater sobre o proxecto.

Ao remate da sesión haberá tamén un catering para ter a opción de realizar networking nun ambiente relaxado.

Sábado 30 de novembro

O sábado 30 de novembro celebrarase o obradoiro de iniciación ao desenvolvemento sobre QGIS impartido por Víctor Olaya, creador do proxecto SEXTANTE e o principal desenvolvedor do framework de xeoprocesamento de QGIS. Actualmente traballa na empresa Boundless, onde está desenvolvendo un plugin de QGIS para interactuar coa OpenGeo Suite.

O obradoiro terá unha duración de 8 horas cos seguintes horarios:

Sesión de mañá (10:00 – 14:00 horas)

  • A consola de Python de QGIS. Primeiros pasos
  • Traballando coa API de QGIS desde a consola
  • Utilidades da biblioteca Processing para o traballo coa consola
  • Automatizando tarefas desde a consola

Sesión de tarde (16:00 – 20:00 horas)

  • Elementos dun plugin para QGIS. Creación dun plugin básico
  • Desenvolvemento dun plugin avanzado

O aforo deste obradoiro estaba limitado a 30 prazas, que están case todas cubertas, pero aínda quedan algunhas, polo que os interesados aínda poden rexistrarse.

Importante: Para o correcto aproveitamento do obradoiro é imprescindible que cada asistente leve o seu propio portátil, sendo recomendable ter instalada a versión 2.0.1 de QGIS así como ter coñecementos básicos da linguaxe de programación Python. A sala onde se levará a cabo o obradoiro dispón de tomas de corrente e Wifi.

Esta actividade forma parte das actividades que Ghandalf desenvolve ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2013 da Xunta de Galicia.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal