Mancomún

Ghandalf patrocina a Libre Software World Conference

Mércores, 27 Outubro 2010

Como xa demos conta esta semana, Ghandalf estará presente hoxe na Libre Software World Conference, presentando o seu relatorio “Localización e tradución de documentación de alto nivel”. Máis, a súa colaboración nesta conferencia non queda aí.

Cartel da LSWC Dende Ghandalf, tendo en conta a importancia que un evento como a cancelada OSWC ten para o posicionamento internacional do traballo que se está a facer con Software Libre tanto en Galicia como no resto do estado español, consideraron imprescindible achegar todo o posible para que se celebrase o evento alternativo: a Libre Software World Conference.

Así, Ghandalf, decidiu tamén colaborar na medida das súas posibilidades facendo unha achega económica á organización da LSWC contribuíndo deste xeito a sufragar os gastos derivados da súa organización. Isto fixo que Ghandalf tivese a honra de ser incluído como patrocinadores da LSWC.

Máis participación galega na LSWC.

A participación galega nesta conferencia non queda aí.
Logo de AGNIX

Outras asociacións como AGNIX e GALPon tamén colaboraron dentro das súas posibilidades coa organización e difusión deste evento formando parte da comunidade colaboradora.

A empresa Tegnix, a través de Roberto Brenlla, participou activamente na organización, no comité de selección de contidos e no desenvolvemento de contidos.

Finalmente, a empresa Igalia, da man de Xavier Castaño, participará co relatorio “NavalPlan: Unha nova aplicación web de planificación” e tamén realizará unha demostración do produto. NavalPlan é un aplicativo desenvolvido co financiamento da Xunta de Galicia para mellorar a xestión da produción das empresas do sector auxiliar do Naval Galego. Está deseñado para dar resposta ás necesidades específicas de ditas empresas e a complexidade organizativa e de integración que presentan os procesos produtivos do sector naval.

Unha vez máis, a comunidade galega do software libre amosa a súa capacidade ante a comunidade internacional.

Tanto a participación de Ghandalf na conferencia como o patrocinio forman parte das actividades que a asociación Ghandalf desenvolve ao abeiro do Convenio de colaboración asinado polas AGUSL coa Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia e incluídas no plan de acción FLOSS 2010 da Xunta de Galicia.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal