Mancomún

GHANDALF, un novo Grupo Galego de Usuarios de Software Libre (GGUL)

Venres, 12 Xuño 2009

GGULA comunidade galega de software libre conta dende estes días, oficialmente, cunha nova asociación para a promoción do software libre, que pasará a integrar o colectivo de Grupos Galegos de Usuarios de Software Libre (GGUL), do que participaban ata o día de hoxe un total de once agrupacións.

A nova asociación xorde co nome de GHANDALF -Ghandalf ANaliza Difunde e ALenta o Floss-, auspiciado pola iniciativa dos alumnos da primeira edición do Máster en Software Libre de Caixanova. Esta agrupación, de ámbito central, ten como obxectivo, segundo rezan os seus Estatutos, “colaborar na construción dunha sociedade do coñecemento baseada nos principios de libre acceso e uso do software e da información”.

GHANDALF rematou recentemente o proceso de constitución legal no que estaba inmerso, polo que o estado do proxecto é aínda moi incipiente. No entanto, os seus promotores informan a través da súa web de que “en datas próximas porán en marcha as primeiras actividades públicas da asociación”.
Os Grupos Galegos de Usuarios de Software Libre (GGUL)

Os Grupos Galegos de Usuarios de Software Libre (GGUL) son asociacións sen ánimo de lucro que tentan difundir o uso do software libre no seu ámbito, así como servir de apoio para os usuarios deste tipo de software.

Estas agrupacións xorden habitualmente nas universidades ou centros de estudos, ou en calquera lugar no que persoas interesadas no software libre se reúnen e artellan actividades relacionadas con el, como conferencias, xornadas de difusión, cursos, etc.

En Galicia son xa máis de dez agrupacións, con distintos ámbitos xeográficos, as que se inscriben neste colectivo co propósito de difundir o software libre.A súa actividade pode ser seguida a través da rolda pública guls@mancomun.org

Fonte: GHANDALF

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal