Mancomún

Gnome 3.10 dispoñible 100% en galego

Venres, 27 Setembro 2013

Captura do novo menú de estado en Gnome 3.10Dende o equipo galego de tradución de GNOME anuncian que xa está dispoñible a nova versión do contorno de escritorio GNOME, a 3.10, e unha vez máis completamente traducida ao galego.

Esta nova publicación vén cargada de novidades no software e tamén dun gran traballo de tradución, xa que o equipo de tradución mantén o nivel de tradución da interface no 100% e estenderon a tradución da documentación a máis módulos, chegando ao 50%.

GNOME 3.10 é o resultado de 6 meses de traballo de preto dun millar de persoas no que ademais de incluír novos aplicativos, centráronse tamén en mellorar a experiencia de usuario.
Novidades de GNOME 3.10

GNOME 3.10 conta cun gran número de novas funcionalidades, incluíndo un adianto da integración de Wayland no escritorio GNOME, unha barra de estado do sistema integrada e as novas barras de cabeceira. En conxunto, todos estes cambios fan de GNOME 3 un escritorio aínda mellor.

Entre as melloras poderíamos destacar:

  • Wayland: Wayland é a seguinte xeración tecnolóxica para pantallas e métodos de entrada en Linux. Promete suavizar os gráficos, con animacións e transicións melloradas. GNOME 3.10 introduce a compatibilidade experimental de Wayland, o que lle permite a GNOME e aos aplicativos de GNOME executarse usando Wayland.

  • Estado do sistema integrado: Nas versións anteriores, a área de estado do sistema estaba formada por unha serie de menús na esquina da barra superior. A nova área do sistema substitúe isto cun único menú. Polo que lle permitirá ver de forma rápida o estado do seu dispositivo.

  • Barras de cabeceira: Introduciuse un novo elemento de interface en 3.10: as barras de cabeceira. Estas combinan as barras de título e as barras de ferramentas nun único elemento. As barras de cabeceira tamén permiten interfaces de aplicación máis dinámicas con controis que se axustan á vista actual e aseguran que os botóns de peche de xanela sempre están presentes, sen importar se a xanela está maximizada ou non.

  • Novos aplicativos: A misión de GNOME consistente en crear un novo conxunto de aplicativos principais continúa en GNOME 3.10. Hai unha completa colección de novos aplicativos nesta versión, que inclúe Música, Fotos, Notas, Software e Mapas. Para obter máis información olle en Aplicativos novos e actualizados.

Para ver unha lista máis detallada das novidades de GNOME olle as notas de publicación dispoñibles tamén en galego.

Novidades na tradución ao Galego

Este ciclo supuxo unha continuación do traballo iniciado na anterior publicación. Grazas a este traballo alcanzouse o 48% da documentación traducida ao galego.

  • Tradución dos aplicativos de GNOME: Como sempre mantense o nivel de tradución da interface de GNOME ao galego no 100%, cumprindo cos últimos acordos de terminoloxía publicados pola Asociación Proxecto Trasno.

  • Tradución da documentación base: Fran Diéguez segue a traducir a documentación base formadas por máis de 65000 palabras para traducir e mellorando a anterior. Así acadouse nesta publicación 3.10 un 50% da tradución.

Podes ver o traballo levado a cabo nas traducións día por día na seguinte ligazón, aínda que esta ligazón non inclúe todas as traducións na documentación.

Galician translations for GNOME

Recursos lingüísticos da tradución

Ademais o Grupo de tradución de GNOME ao Galego acompañan a publicación de Gnome 3.10 coa publicación doutros produtos finais en forma de recursos lingüísticos derivados das traducións de GNOME 3.10 de tal forma que todos os tradutores poidan reaproveitar o seu traballo.

Estes recursos contan cos compendios de tradución Inglés-Galego da interface de usuario e documentación para as versións de GNOME 3.10 en formato pocompendium e TMX. Con todo, acadan unhas cifras moi importantes, contando con 36.326 cadeas traducidas na interface de usuario e 11.849 cadea na documentación, o que fai un volume total de 252.297 palabras .

Estes ficheiros están publicados baixo a licenza Creative Commons BY-SA 3.0 co que podes empregalos de forma libre mentres cumpras cos termos da licenza. Descarga:

Como obter o último GNOME

O código fonte de GNOME 3.10 está dispoñíbel gratuitamente para descargar e redistribuír, aínda que para a maioría de usuarios é aconsellábel agardar ata que GNOME 3.10 estea dispoñíbel a través da súa distribución GNU/Linux ou dos seus fornecedores. Con todo, na web do proxecto é posible consultar a información sobre como obter GNOME para probalo.

Se está interesado en axudar a facer GNOME mellor, calquera pode involucrarse para axudar a mellorar o software.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal