Fieis á súa cita, seis meses despois da última publicación, o equipo galego de tradución de GNOME anuncia que xa está dispoñible a nova versión do contorno de escritorio GNOME 3.12 completamente traducida ao galego.
Segundo indican na súa nota, esta nova publicación ven cargada de novidades no software e tamén dun gran traballo de tradución, xa que manteñen o nivel de tradución da interface no 100% aínda que retroceden lixeiramente na porcentaxe de tradución da documentación motivado polo incremento do traballo (gran parte da documentación foi reescrita) e polo baixo número de recursos humanos cos que conta o equipo galego de tradución de GNOME. Para facernos unha idea do volume de traballo realizado, destacar que a tradución da interface foron 36.881 cadeas e 171.094 palabras e no caso da documentación, 7132 cadeas e 75650 palabras.
Os interesados en botar unha man a este equipo e contribuír a manter este escritorio así como a súa documentación dispoñibles en galego, poden unirse ao grupo sen máis que darse de alta. O equipo galego de tradución de GNOME conta cunha serie de manuais de introdución aos procedementos de tradución de GNOME para orientar aos novos colaboradores.
Novidades de GNOME 3.12
GNOME 3.12, é o resultado de 6 meses de traballo do Proxecto GNOME e de máis dun millar de persoas. Durante este ciclo de desenvolvemento dirixíronse os esforzos en mellorar a experiencia de usuario e na inclusión de novos aplicativos. Así, realizáronse estudos de usabilidade, integráronse novos elementos na interface dos aplicativos, mantivéronse conversas cos usuarios que levaron a incluír moitas pequenas melloras en todo o contorno do escritorio, … resultando sen dúbida nun escritorio GNOME 3 aínda mellor que os seus predecesores.
Entre as melloras poderíamos destacar:
- Melloras na interface: elementos como as novas xanelas emerxentes «popovers», diálogos de usuario, preferencias e asistentes completamente novos e integrados por todo os aplicativos resultan nunha experiencia moito máis pulida e de alta calidade.
- Melloras na compatibilidade con pantallas de alta resolución: A compatibilidade con pantallas de alta resolución foi engadida por primeira vez en 3.10. Isto fornece compatibilidade para pantallas de alta resolución en gran parte de GNOME 3. Desde entón, esta característica foi estendida para incluír todos os aspectos da experiencia principal de GNOME 3, incluíndo a Vista de actividades, a barra superior, a pantalla de bloqueo e os diálogos de sistema.
- Integración da nube ampliada: O camiño de integrar GNOME 3 con servizos na nube continúa en 3.12. Unha das principais características novas desta versión é a introdución da integración con Google Cloud Print. Isto permítelle imprimir desde GNOME en impresoras que estean conectadas ao servizo de Google Cloud Print. Tamén lle permite engadir documentos a Google Drive. Ademais engadíronse outras integracións coa nube como: a integración con Pocket a Videos, Fotos con Facebook e Flickr para cambiar o fondo de escritorio.
- Novos aplicativos: GNOME 3.12 inclúe tres novos aplicativos en vista previa: Polari, Gravadora de son e Rexistros. Todos estes aplicativos en vista previa son moi novos e son publicados por primeira vez co propósito de levar a cabo probas e recoller comentarios dos usuarios. Para obter máis información olle en Aplicativos novos e actualizados.
Podedes ver unha lista máis detallada das novidades de GNOME nas notas de publicación (tamén en galego).
Novidades na tradución ao Galego
Este ciclo supuxo unha continuación do traballo iniciado na anterior publicación.
- Tradución dos aplicativos de GNOME: Como sempre mantemos o nivel de tradución da interface de GNOME ao galego no 100%, incluíndo os novos aplicativos presentados nesta publicación, todos cumprindo cos últimos acordos de terminoloxía publicados pola Asociación Proxecto Trasno.
- Tradución da documentación base: Fran Diéguez segue a traducir a documentación base, formada por máis de 65000 palabras para traducir, e mellorando a anterior. Debido a que unha gran cantidade da documentación foi reescrita e aos escasos recursos humanos cos que conta o equipo de tradución lamentablemente nesta publicación 3.12 baixamos do 50% ao 43% da tradución na documentación.
Podedes ver o traballo levado a cabo nas traducións día por día na seguinte ligazón, aínda que esta ligazón non inclúe todas as traducións na documentación. Galician translations for GNOME.
Recursos lingüísticos de GNOME 3.12
Ademais, publican tamén os produtos finais derivados das traducións de GNOME 3.12 en forma de recursos lingüísticos de tal forma que todos os tradutores poidan reaproveitar o seu traballo.
Estes recursos contan cos compendios de tradución Inglés-Galego da interface de usuario e documentación para as versións de GNOME 3.12 en formato pocompendium e TMX. Estes ficheiros publícanos con licenza Creative Commons BY-SA 3.0 co que poden empregarse de forma libre mentres se cumpra cos termos de dita licenza.
Como obter o último GNOME
O código fonte de GNOME 3.12 está dispoñible gratuitamente para descargar e redistribuír, aínda que para a maioría de usuarios é aconsellable agardar ata que a súa distribución GNU/Linux inclúa a nova versión GNOME 3.12. Con todo, na web do proxecto é posible consultar a información sobre como obter GNOME para probalo.
Os interesados en axudar a facer GNOME mellor poden involucrarse en GNOME e axudar en calquera das múltiples tarefas dispoñibles para moitos ámbitos, non só programadores, senón tradutores, deseñadores, publicistas …
