Mancomún

GNome 3.14 dispoñible 100% en galego

Luns, 20 Outubro 2014

Logo de gnome en galegoO equipo galego de tradución de GNOME anunciaba a finais do pasado mes que xa tiñamos dispoñible a nova versión do contorno de escritorio GNOME 3.14 completamente traducida ao galego.

Segundo indican na súa nota, esta nova publicación ven cargada de novidades no software e tamén dun gran traballo de tradución, xa que manteñen o nivel de tradución da interface no 100%. Para facernos unha idea do volume de traballo realizado, destacar que a tradución da interface foron 37.222 cadeas e 172.185 palabras e no caso da documentación, 6.598 cadeas e 72.693 palabras.

Os interesados en botar unha man a este equipo e contribuír a manter este escritorio así como a súa documentación dispoñibles en galego, poden unirse ao grupo sen máis que darse de alta. O equipo galego de tradución de GNOME conta cunha serie de manuais de introdución aos procedementos de tradución de GNOME para orientar aos novos colaboradores.

Novidades de GNOME 3.14

GNOME 3.14 é a última publicación de GNOME, resultado de seis meses de traballo do proxecto GNOME. Esta publicación inclúe novas características e unha gran cantidade de melloras pequenas. Esta publicación contén 28859 cambios feitos por cando menos 871 persoas.

GNOME 3.14 continúa o traballo das publicacións anteriores na busca da homoxeneización da interface de usuario de tódolos seus aplicativos. Estes cambios fan de GNOME un escritorio máis integrado e coherente no seu conxunto, facendo o seu uso máis doado e intuitivo. Os detalles visuais e tema foron revisados, engadíronse novas animacións no escritorio para mellorar a experiencia de usuario. En conxunto, todos estes cambios fan de GNOME 3 un escritorio aínda mellor.

Entre as melloras poderíamos destacar:

  • Xestos multitáctiles: Agora pode usar xestos multitáctiles en pantallas táctiles para a navegación no sistema así como en aplicativos. Pode usar un xesto para abrir a Vista de actividades, a vista de aplicativos e a bandexa de mensaxes. E tamén pode usar un para cambiar de aplicativo ou de espazo de traballo. Vexa a páxina de xestos para obter unha lista destes xestos do sistema.

  • Xestión de portais cautivos: GNOME 3.14 conta cunha xestión de puntos de acceso Wifi mellorada. Ao conectarse a un portal Wifi que require autenticación, GNOME amosaralle automaticamente a páxina de inicio como parte do proceso de conexión. Isto asegúralle que sempre saberá cando está conectado e axúdalle a configuralos da forma máis rápida posíbel.

  • Contas en liña para «Fotos»: Agora «Fotos» en 3.14 pode acceder a novas orixes de fotos en liña, ao engadir a compatibilidade con Google e servidores multimedia. Isto significa que pode ver de forma doada fotos de Google que foron subidas mediante Picasa, Google+ ou mediante dispositivos Android. As contas de servidores multimedia fornecen acceso a servidores multimedia domésticos, mediante DLNA.

  • «Software» continúa mellorando: A nova habilidade de GNOME para explorar e instalar aplicativos estivo facendo grandes progresos nas publicacións recentes, e 3.14 non é unha excepción. A páxina principal, que mostra aplicativos destacados e recomendados, foi mellorado cunha distribución mellorada, máis contido e valoracións. Ademais, os engadidos de aplicativos poden instalarse e quitarse directamente desde Software, e moitos máis aplicativos contan con capturas de pantalla e descricións, facendo máis doado escoller o aplicativo axeitado para vostede.

Podedes ver unha lista máis detallada das novidades de GNOME nas notas de publicación (tamén en galego).

Novidades na tradución ao Galego

Este ciclo supuxo unha continuación do traballo iniciado na anterior publicación.

  • Tradución dos aplicativos de GNOME: Como sempre mantemos o nivel de tradución da interface de GNOME ao galego no 100%, incluíndo os novos aplicativos presentados nesta publicación, todos cumprindo cos últimos acordos de terminoloxía publicados pola Asociación Proxecto Trasno.

  • Tradución da documentación base: Fran Diéguez segue a traducir a documentación base, formada por máis de 65000 palabras para traducir, e mellorando a anterior. Debido a que unha gran cantidade da documentación foi reescrita e aos escasos recursos humanos cos que conta o equipo de tradución lamentablemente nesta publicación 3.14 só puideron manter o 43% da tradución na documentación.

Podedes ver o traballo levado a cabo nas traducións día por día na seguinte ligazón, aínda que esta ligazón non inclúe todas as traducións na documentación. Galician translations for GNOME.

Recursos lingüísticos de GNOME 3.14

Ademais, publican tamén os produtos finais derivados das traducións de GNOME 3.14 en forma de recursos lingüísticos de tal forma que todos os tradutores poidan reaproveitar o seu traballo.

Estes recursos contan cos compendios de tradución Inglés-Galego da interface de usuario e documentación para a versión de GNOME 3.14 en formato TMX. Estes ficheiros publícanos con licenza Creative Commons BY-SA 3.0 co que poden empregarse de forma libre mentres se cumpra cos termos de dita licenza.

Como obter o último GNOME

O código fonte de GNOME 3.14 está dispoñible gratuitamente para descargar e redistribuír, aínda que para a maioría de usuarios é aconsellable agardar ata que a súa distribución GNU/Linux inclúa a nova versión GNOME 3.14. Con todo, na web do proxecto é posible consultar a información sobre como obter GNOME para probalo.

Os interesados en axudar a facer GNOME mellor poden involucrarse en GNOME e axudar en calquera das múltiples tarefas dispoñibles para moitos ámbitos, non só programadores, senón tradutores, deseñadores, publicistas …

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal