Hoxe 28 de marzo de 2012, segundo a planificación de publicacións do proxecto GNOME, publícase GNOME 3.4, a primeira versión do Ano da Accesibilidade de GNOME.

Con esta nova versión, GNOME mellora aínda máis a experiencia do usuario con numerosos retoques no tema visual e introducindo novos e modernos aplicativos perfectamente integrados na moderna concepción do escritorio GNOME 3. Ademais fíxose un importante traballo na mellora da accesibilidade deste contorno de escritorio.
E por suposto, unha vez máis debemos agradecer o espectacular traballo que Fran Diéguez e o equipo de tradución de GNOME ao galego están a facer e que nos achega GNOME 3.4 dispoñible 100% en galego. Nesta ocasión ademais achégannos o 40% da documentación e o 77% dos aplicativos extras de GNOME tamén en galego.
Ademais, o equipo galego de GNOME informa que ten preparadas algunhas sorpresas para os próximos días ás que haberá que estar atentos.
Como se pode ler nas notas de publicación de GNOME 3.4, esta nova versión chega cargada de melloras e novidades que teñen coo resultado un GNOME 3 máis brillante, máis ordenado e máis seguro.
- Melloras no aspecto, interface e usabilidade dos aplicativos: Neste ciclo de publicación a principal preocupación do proxecto GNOME centrouse nos seus aplicativos. Así, os novos aplicativos publicados na anterior versión 3.2 obtiveron actualizacións importantes para facelos máis limpos e máis doados de usar sen descoidar por suposto ao resto de aplicativos existentes que tamén recibiron unha revisión para que deste modo sexan máis consistentes e estean mellor integrados con GNOME 3. Así por exemplo:
- Documentos permite agora crear coleccións de documentos e incorpora compatibilidade de impresión.
- O navegador de GNOME mudou de nome, agora xa non é Epiphany senón Web que ademais inclúe unha barra de ferramentas redeseñada e un «super menú». Tamén ten melloras de rendemento, incluíndo unha navegación do historial máis rápida.
- Contactos conta agora con novas características, incluíndo suxestións de ligazón de contactos en liña e un novo selector de avatares.
- A busca dende a vista de actividades inclúe unha nova funcionalidade de busca de documentos que permite buscar en todos os documentos do computador así como aqueles almacenados nas contas en liña.
- Moitas outras pequenas melloras: as melloras incrementais e a limpeza foi un dos focos máis importantes nesta publicación. O resultado é que GNOME recolleu un gran número de pequenas melloras que achegan un gran incremento na calidade. Grazas á nova iniciativa Cada detalle importa, enfocada na mellora da calidade da vista de actividades, coidáronse moitos pequenos detalles, incluíndo melloras nas etiquetas do iniciador de aplicativos, novas etiquetas de xanelas e títulos, mellor navegación do rato, estilos de texto máis lexíbeis e un «Taboleiro» máis doado de usar.
- Compatibilidade para videochamadas e «Live Messenger». Empathy, inclúe unha nova interface de chamada de voz e videochamada. Isto fornece unha forma moi boa de facer videochamadas e está completamente integrado en GNOME 3, polo que pode responder de forma doada e rápida ás videochamadas que reciba. Ademais nesta versión incorpora compatibilidade con «Windows Live Messaging» e o chat de Facebook, polo que conversar con amigos é máis doado que nunca.
- Preferencias do sistema melloradas: revisouse o deseño e disposición dos paneis de configuración das preferencias do sistema.
- Mellor compatibilidade de hardware: realizáronse esforzos na mellora da compatibilidade e integración de hardware, facendo que GNOME 3 funcione con máis dispositivos hardware e fornecendo unha experiencia máis completa.
- Melloras en accesibilidade. GNOME 3.4 é a versión máis accesíbel ate a data, con énfase na confiabilidade e usabilidade para todos. GNOME iniciou a campaña de recollida de fondos Amigos de GNOME para impulsar o seu compromiso coa accesibilidade con máis recursos para facer do 2012 o Ano da accesibilidade para GNOME. Esta publicación inclúe importantes melloras nas características de accesibilidade de GNOME entre as que se inclúe:
- Mellora na integración de Orca. A compatibilidade de GNOME 3 cos lectores de pantalla mellorou o que significa que os usuarios do lector de pantalla Orca agora poden usar GNOME 3 como o seu contorno de computación. Esta integración seguirá desenvolvéndose en futuras publicacións, e recomendámoslle aos usuarios de Orca que nos envíen os seus comentarios.
- Modo de contraste alto mellorado.
- Configurar o zoom para axeitarse a vostede : As novas opcións de zoom engadidas permítenlle cambiar o factor de magnificación, o seguimento do rato, a posición da vista magnificada na pantalla e activación de punto de mira para axudarlle a atopar o punteiro do seu rato ou área táctil.
O código fonte de GNOME 3.4 está dispoñible gratuitamente para descargar e redistribuír , aínda que para a maioría de usuarios é aconsellable agardar ata que GNOME 3.4 estea dispoñible a través da súa distribución GNU/Linux ou dos seus provedores. Con todo na web do proxecto é posible consultar a información sobre como obter GNOME para probalo.
