Tras 6 meses de duro traballo do Proxecto GNOME onte mesmo anunciaron a nova versión de GNOME 3.6. E desta volta Galicia tivo sen dúbido unha singular contribución a este fito, xa que a GUADEC 2012, na que de seguro se plasmaron moitas das novidades desta nova versión, tivo lugar na Coruña organizada excelentemente por GPUL.

Como xa vén sendo costume o grupo de tradución de GNOME ao galego traballou duro para ter esta nova versión completamente traducida ao Galego, pero ademais coa sorpresa de contar coa documentación base traducida ao Galego. Desta forma complétase a experiencia de GNOME en Galego por todos os recunchos. Calquera dúbida que teña un usuario no uso de GNOME poderaa consultar no seu propio idioma.
A versión 3.6 é o resultado do traballo de aproximadamente 1112 persoas que fixeron 38302 cambios sobre a versión anterior, GNOME 3.4, dos cales preto de 700 son contribucións do grupo de tradución de Galego.
Calquera pode involucrarse en GNOME para axudar. Se está interesado en traballar en GNOME, pode unirse, hai moitos ámbitos nos que é posible colaborar, non é preciso ter coñecementos de programación. Por suposto, tamén pode axudarse ao proxecto con donativos converténdose en Amigo de GNOME.
Que hai de novo en GNOME 3.6
GNOME 3.6 vén cheo de melloras na interface de usuario, cun gran número de novas funcionalidades, incluíndo a renovada Vista xeral de Actividades, así como melloras na compatibilidade da Accesibilidade e a integración de orixes de entrada para usar diferentes idiomas. En conxunto, todos estes cambios melloran GNOME 3 máis que nunca e ademais o equipo galego fixo un importantísimo esforzo para que este anovado e espectacular GNOME fale máis galego que nunca tamén..
Entre as melloras poderíamos destacar:
- Bloqueo da pantalla: a nova pantalla de bloqueo é simplemente incríbel. Desde ela pódese ver o que está pasando dentro do noso computador: ver o número de mensaxes pendentes, deter a música, saltar cancións
- Vista xeral de actividades: a vista xeral de actividades recolleu moitas melloras de interacción, facéndoa máis centrada no que o usuario quere.
- Novos servizos de contas en liña: engadíronse novos servizos para integrar co noso escritorio. Posibilidade de configuración automática de Windows Live, o que inclúe correo e documentos de SkyDrive o que permite acceder aos documentos deste servizo mediante Documentos como xa se viña facendo coa conta de Google. Ademais integrouse o servizo de autenticación centralizada Kerberos, moi útil para ambientes corporativos (como grandes empresas ou universidades).
- Nova bandexa de mensaxes: segundo os comentarios e os problemas que remitiron os usuarios, redefiniuse a interacción coa bandexa de mensaxes agora máis intelixente e cun novo xeito de mostrala.
- Acceso universal: agora a accesibilidade está activada por omisión co que as persoas con calquera deficiencia poderán empregar o seu computador desde o minuto un.
- E moitas outras máis
Pódese ver unha lista máis detallada das novidades de GNOME nas notas de publicación (tamén traducidas ao galego).
Novidades na tradución ao Galego
Estes últimos meses estiveron completos de traballo para o grupo de tradución ao galego de GNOME xa que nesta versión hai moitas melloras. Ao inicio deste ciclo, en marzo deste ano, o equipo fixouse como meta ser o primeiro ambiente de escritorio libre en galego que tivera ademais documentación para os seus usuarios en galego. E por outra banda mellorar a calidade das traducións xa feitas. Xa que postos ao traballo así chegaron os froitos:
-
Revisión completa dos aplicativos de GNOME: temos que darlle as grazas a Leandro Regueiro que armado de paciencia, tesón e boas ferramentas fixo unha revisión completa e profunda dos principais aplicativos de GNOME en galego. Desta forma GNOME agora cumpre cos últimos acordos de terminoloxía publicados pola Asociación Proxecto Trasno. Foron máis de 3 semanas revisando de forma altruísta o ambiente de escritorio.
-
Tradución da documentación base: logo de varios meses de traballo sobre o que os integrantes do equipo chaman “a peor parte para traducir”, Fran Diéguez traduciu a documentación base formadas por máis de 65000 palabras para traducir. Polo que agora os usuarios do ambiente de escritorio poderán consultar a axuda no idioma galego.
Como comentábamos anteriormente a tradución dos aplicativos que forman GNOME 3.6 requiriu preto de 700 cambios nos repositorios de GNOME, estando en varias semanas entre os primeiros no número de contribucións a GNOME.
Darlle especial mención a tódolos contribuidores puntuais e principiantes que seguen a mostrar que a tradución de GNOME foi e seguirá sendo traballo de moitos.
Obter o último GNOME
O código fonte de GNOME 3.6 está dispoñíbel gratuitamente para descargar e redistribuír, aínda que para a maioría de usuarios é aconsellábel agardar ata que GNOME 3.6 estea dispoñíbel a través da súa distribución GNU/Linux ou dos seus fornecedores. Con todo na web do proxecto é posible consultar a información sobre como obter GNOME para probalo.
