A transición do proxecto GNOME, dende os seus anteriores repositorios de código en Subversion, ao máis moderno e flexíbel Git, finalmente chegou ao seu remate, aínda que lle levou máis tempo do estimado inicialmente, debido á adición dun paso máis na reescritura das mensaxes de cada remisión (commit), xa que se tiveron que corrixir e reimportar aqueles repositorios que quedaran danados.
Deste xeito o derradeiro repositorio Subversion de GNOME foi copiado a git.gnome.org, polo cal o proxecto xa está disposto para comezar a recibir alí as contribucións de todos os seu colaboradores, o que abrangue a desenvolvedores, tradutores, encargados da documentación do proxecto, etc.
A transición de Subversion a Git, foi unha medida tomada polo proxecto GNOME, despois de realizar unha enquisa o pasado mes de decembro, na que solicitaba a opinión dos seu colaboradores para decidir o futuro sistema de control de versións para GNOME, na cal Git foi a ferramenta escollida pola maioría dos que responderon a enquisa.
Git é un sistema de control de versións deseñado por Linus Torvalds, con funcionalidade plena, baseado en BitKeeper e en Monotone, pensado na eficiencia e na fiabilidade do mantemento de versións de aplicativos, cando estas teñen un gran número de arquivos de código fonte.
Fontes: http://www.vivalinux.com.ar/desktop/gnome-completo-en-git
