
O equipo de tradución a Galego para o proxecto GNOME manterá o nivel 100% de traducións para a seguinte versión, a 3.22 aínda en desenvolvemento. Deste modo o equipo galego de tradución de GNOME seguirá a manter o nivel acadado na anterior release do célebre contorno de escritorio.
O estado actual da tradución pódese seguir na páxina de estado do equipo de internacionalización para o proxecto GNOME. Segundo amosa o resumo do equipo galego de tradución de GNOME séguense os esforzos por continuares co gran traballo de tradución, xa que manteñen o nivel de tradución da interface no 100% ao galego incluíndo os novos aplicativos do contorno de escritorio, todos cumprindo cos últimos acordos de terminoloxía publicados polo Proxecto Trasno.
O equipo de tradución, coordinado por Fran Dieguez, está formado por un total de nove membros con diferentes niveis de dedicación. Lémbrase que o equipo de tradución sempre está aberto á axuda e participación dos interesados en botar unha man e colaborar na revisión e actualización da documentación base dos aplicativos. Neste senso, o equipo galego de tradución de GNOME conta cunha serie de manuais de introdución aos procedementos de tradución de GNOME para orientar aos novos colaboradores.
