Google Blog Converters é un novo proxecto de software libre que ten como funcionalidade mover artigos (posts) e comentarios de blogues dun servizo a outro. Deste xeito facilítase o intercambio entre as plataformas Blogger, LiveJournal, MovableType e WordPress, catro das máis empregadas a nivel mundial. Aínda que Google xa lanzara unha actualización de Blogger coa cal se permitía a exportación do blogue ao propio computador para manter unha copia de seguridade, a novidade de Google Blog Converters radica na posibilidade que ofrece de realizar esta tarefa de xeito directo con calquera das plataformas.
Nesta primeira versión, a ferramenta conta con librarías de Python e scripts executábeis que permiten facer conversións entre os formatos de exportación. Ademais disto, o código fonte inclúe modelos para aloxar estas conversións en Google App Engine.
O equipo de desenvolvedores do aplicativo prevé engadir, nun futuro, asistencia para BlogML así como para outras ferramentas de sincronización entre servizos que sen dispoñeren dunha ferramenta propia de importación/exportación si ofrecen unha API para acceder e para modificar o contido do blogue.
Última versión de WordPress traducida ao galego
A última versión da plataforma de blogues WordPress, a 2.7., está xa dispoñíbel en galego grazas ao traballo de tradución realizado polo equipo de egalego.com.
Segundo indican na súa web, este colectivo ofrecerá sempre versións localizadas de WordPress nun paquete listo para instalar e ao que engadirán, en cada distribución, modelos e extensións adicionais, que melloran a experiencia do utente.
Fonte: Google Code
