Mancomún

Google competirá con WordPress tras facerse cun Software Libre para crear blogues

Luns, 15 Setembro 2008

TextcubeGoogle vén de anunciar a adquisición da firma coreana ‘TNC‘ (‘Tatter and Company’), unha empresa moi similar a Automattic (a que fai posible WordPress), e que, ademais de ter unha plataforma onde os usuarios poden aloxar os seus blogues, xestiona un software para crear e administrar estes sitios web. A ferramenta, denominada Textcube, é de uso libre (distribúese baixo licenza GNU-GPL), e precisa simplemente un servidor LAMP (Linux Apache MySQL PHP) para a súa instalación.

TextCube é unha das plataformas máis populares entre os bloggers coreanos. O Presidente de TNC, Chang-Won Kim, explica no seu blogue persoal que unha das razóns desta adquisición é a de entrar con forza no peculiar mercado coreano e asiático, onde poderá ofrecer unha plataforma de creación de contidos (textcube.com) feita por e para cidadáns desa rexión, diferente das realizadas por occidentais. Pero tamén é certo que con TextCube Google poderá competir con WordPress no mundo da xestión de blogs para profesionais, cun software que permitirá por exemplo que se poidan inserir de maneira sinxela ‘Google gadgets’, mapas de ‘Google Maps’ sen necesidade de coñecer a súa API, ou vídeos de YouTube sen instalar un plugin previamente.

Fonte: Google.dirson.com
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal