Mancomún

Google dá un paso máis cara á web 3D co desenvolvemento dunha API libre

Mércores, 24 Xuño 2009

O3DGoogle está a desenvolver unha API de código libre baseada en Javascript que permite recrear mundos en tres dimensións a través de aplicativos interactivos. Esta plataforma, denominada O3D, dá un paso máis cara ao que algúns xa definen como web 3D, achegando a posibilidade de xerar paseos virtuais, gráficas, xogos… en tres dimensións accesíbeis desde un navegador.

Google abandonou Lively para centrarse con este proxecto nun obxectivo máis ambicioso: desenvolver un complemento capaz de instalarse no navegador para darlle capacidade de navegación en tres dimensións.

A súa dispoñibilidade, como aplicativo libre, abre as portas a infinidade de opcións e incluso, segundo se atreven a predicir algunhas fontes na Internet, á integración do proxecto con OpenSim, abrindo a todo o mundo un “Second Life libre" sen necesidade de pagamento nin economía virtual.
Google O3D atópase aínda nunha etapa temperá de desenvolvemento, pero xa fornece un plugin que mostra gráficos 3D en navegadores como Firefox, Internet Explorer, Safari e Chrome. Funciona a tres niveis:

  • Sistema: proporciona un plugin para o navegador que engade capacidades gráficas dentro do motor de renderizado.
  • Contido: á parte de traballar con texto, imaxes ou vídeo, O3D fornece novas ferramentas para crear contido en tres dimensións. Existe unha guía para o desenvolvedor onde se pode atopar os conceptos que debemos coñecer para programar con O3D.
  • Código: OD estende o código dispoñíbel para os programadores en Javascript cunha API para gráficos 3D, que usa o sistema de eventos e procedementos típico de Javascript.

O3D funciona actualmente en multiplataforma aínda que require de tarxetas gráficas específicas como Nvidia GeForce 8 ou ATI Radeon HD.

Os interesados poden obter máis información sobre Google O3D desde code.google.com ou descargar o plugin desde tools.google.com. Ademais, están dispoñíbeis algúns exemplos cos que comprobar a calidade dos gráficos tridimensionais xerados pola extensión.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal