O pasado 10 de novembro, Google presentou Go, unha nova linguaxe de programación. Nunha entrada no blog google-opensource.blogspot.com podemos ler o seguinte:
Aquí en Google cremos que a programación debería ser rápida, produtiva, e o máis importante, divertida. Por iso estamos tan entusiasmados de publicar unha nova linguaxe chamada Go. Go combina a velocidade de desenvolvemento de traballar nunha linguaxe dinámica como Python co rendemento e a seguridade dunha linguaxe compilada, como C ou C++. As compilacións típicas semellan instantáneas, incluso os binarios grandes compilan en só uns segundos. E o código compilado execútase case á velocidade de C. Go permíteche moverte rápido.
Go é unha gran linguaxe para a programación de sistemas, compatíbel con multiproceso. Ten un enfoque fresco e lixeiro ao deseño orientado a obxectos, ademais de incluír fantásticas características como clausuras verdadeiras e reflexión.
Queres escribir un servidor con milleiros de fíos comunicándose entre si? Queres pasar menos tempo lendo libros mentres esperas que remate a compilación? Go é o camiño a seguir! Bótalle un ollo ao vídeo para obter máis información, ou visita golang.org.
Os autores desta entrada de blog son Robert Griesemer, Rob Pike, Ken Thompson, Ian Taylor, Russ Cox, Jini Kim and Adam Langley, o equipo completo de desenvolvemento de Go.
Go é un proxecto de código aberto, distribuído baixo unha licenza do tipo BSD. Na páxina de preguntas frecuentes podemos ler que a implementación de Go aínda non está lista para o seu uso en produción a grande escala, entre outras moitas interesantes preguntas e respostas que resultarán interesantes para quen sinta curiosidade por esta nova linguaxe.
