Mancomún

Google selecciona o proxecto galego e-cidadania para o Google Summer of Code

Martes, 17 Abril 2012

Google organiza cada ano o Google Summer of Code, un programa internacional que conta entre os seus obxectivos tanto a integración de estudantes no mundo do desenvolvemento do software libre como colaborar con proxectos libres de interese xeral.

Para isto, nunha primeira fase, Google selecciona de entre todos os proxectos libres que se presentan aqueles de maior interese e nunha segunda fase os estudantes solicitan colaborar nos proxectos que máis lles atraen. Finalmente, feito o emparellamento entre proxectos mentores e estudantes, estes traballarán durante 3 meses, coincidentes co período estival, subvencionados por Google para sacar adiante algunhas das ideas sobres as que traballar no proxecto escollido.

Imaxe da plataforma e-cidadanía

A empresa Cidadanía, membro de AGASOL, presentou o seu proxecto “e-cidadanía” e foi seleccionado entre as 180 organizacións participantes da edición GSOC12.

Para AGASOL, “este é un exemplo da calidade e proxección que está tendo o software libre galego”. O software libre galego terá voz propia, por vez primeira, no programa internacional que Google organiza cada ano marcando un novo fito das TIC galegas da man do software libre. Dende AGASOL felicitaron aos autores do proxecto e á empresa Cidadanía -a última incorporación á lista de socios de AGASOL- polo bo traballo desenvolvido e a senda de futuro aberta con este recoñecemento.
O proxecto e-cidadanía é unha plataforma de e-democracia feita con software libre para mellorar a participación cidadá. As características clave son: un sistema de propostas, un revolucionario sistema de debate ordenado, repositorio de documentos, informes autoxerados e perfís avanzados de usuario entre outras cousas como xeolocalización e mensaxería. É un proxecto con apenas un ano de vida para o que os seus desenvolvedores agardan que se cree unha forte comunidade de desenvolvemento ao seu redor. As ideas nas que os estudantes poderán traballara pódense consultar na páxina do proxecto en GSOC, como por exemplo, melloras na seguridade da plataforma, desenvolvemento dunha ferramenta gráfica para coñecer o estado dun proceso, melloras na usabilidade do módulo de debates para dispositivos móbiles …

Os interesados en coñecer o funcionamento desta plataforma poden facelo a través da instalación de probas albergada en demo.ecidadania.org empregando os datos de acceso indicados na páxina do proxecto.

O vindeiro día 23 de abril publicaranse a lista definitiva de estudantes seleccionados para participar nesta edición así como os proxectos asociados a cada un deles.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal