O consorcio Apertium será unha das novas incorporacións. Este proxecto, do que participan activamente a Universidade de Vigo e a empresa galega Imaxin Software, ten como obxectivo a xeración de aplicativos punteiros en enxeñaría lingüística e tradución automática, que axuden, principalmente, á tradución entre as linguas cooficiais do Estado: castelán, galego, catalán e eúscaro.
Outros proxectos de interese son o proxecto Chromium, o proxecto open source detrás do browser Chrome de Google, ou o proxecto Go-OO, unha compilación especial de OpenOffice.org con máis complementos e funcionalidades que a distribución OpenOffice.org orixinal.
Os estudantes interesados en participar no desenvolvemento dalgún dos proxectos teñen aberto o prazo de inscrición até o vindeiro 3 de abril.
Google Summer of Code
A iniciativa, que comezou no ano 2005, ten reunido a preto de 200 estudantes ao redor de máis de 180 proxectos de software libre para crear milleiros de liñas de código. O programa ten entre os seus obxectivos:
-
Inspirar a novos desenvolvedores a iniciar a súa participación na evolución de software libre.
-
Prover a estudantes de enxeñerías informáticas e carreiras relacionadas a oportunidade de traballar con algo relacionado cos seus estudos durante o verán.
-
Proporcionarlles aos estudantes unha visión máis ampla a escenarios de desenvolvemento de software do mundo real (p.ex., desenvolvemento en equipos distribuídos, cuestións verbo de licenzas de software, protocolo en listas de correo…).
-
Crear máis software libre para o beneficio de todos.
-
Axudar os proxectos de software libre a identificar e introducir novos desenvolvedores.
En Galiza vén barallándose a través das roldas de GGUL o desenvolvemento dunha iniciativa similar baseada nesta idea. A proposta, aínda moi difusa, podería asentarse nuns anos co propósito de xerar oportunidades de negocio e unha maior participación futura na comunidade de software libre en Galiza. Non obstante, o proxecto continúa a forxarse a través das propostas que calquera persoa, que así o desexe, achegue.
Fonte: Diario Linux
