Mancomún

GPUL achegará a docentes de ensino secundario os aplicativos educativos do contorno KDE

Luns, 21 Outubro 2013

Logo de GpulComo vos contabamos a semana pasada, GPUL está a organizar unha serie de actividades para o desenvolvemento e difusión do proxecto KDE-Edu, que desenvolve aplicativos educativos do contorno KDE.

Así, o vindeiro venres 25 de outubro ás 18:00 horas, GPUL celebrará un encontro con mestres de colexios e institutos, na Facultade de Informática da UDC.

O principal obxectivo deste encontro é poñer en contacto directo aos desenvolvedores cos usuarios dos aplicativos. Os mestres terán a ocasión de coñecer as posibilidades que lles ofrece o software educativo de KDE, as novidades que se están a implementar para as próximas versións do software de forman que se animen a empregalos nas súas clases… e por outra parte, os desenvolvedores de KDE presentes poderán obter feedback dos propios mestres que xa o estean a usar que poderán comentarlles cales serían as funcionalidades que máis utilizan ou aquelas que botan de menos nos distintos aplicativos.

A asistencia é gratuíta, aínda que para a mellor planificación da actividade dende GPUL solicitan que quen queira participar se inscriba no formulario de inscrición habilitado ao efecto.
Esta actividade forma parte das actividades que a asociación GPUL realiza ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2013 da Xunta de Galicia.

Proxecto KDE-Edu

O proxecto KDE-Edu comezou en xullo de 2001, co obxectivo de desenvolver software educativo libre (con licenza GPL) dentro do contorno de escritorio KDE. O software estaría principalmente dirixido a estudantes entre 3 e 18 anos tendo en conta as necesidades especiais que os xoves precisan nas interfaces. Ademais tamén desenvolven software dirixido a profesores para axudarlles a planificar as súas leccións, así como a adultos dispostos a ampliar os seus coñecementos.

Entre os aplicativos maduros dentro do proxecto KDE-Edu podemos citar os dirixidos á; aplicativos para como Kalgebra ou Kplot; aplicativos para como Kstars ou Marbel …

O software educativo de KDE inclúe programas útiles para a aprendizaxe de matemáticas coma KAlgebra ou KBruch, para a aprendizaxe de Ciencias coma Kalzium ou Step, para aprendizaxe de idiomas como Kiten, para practicar vocabulario coma Parley, de xeografía coma KGeography e Marble, e moitas máis aplicacións coma Blinken ou KStars.

Os aplicativos do proxecto KDE-Edu seguramente sexan familiares para moitos dos mestres e alumnado dos centros educativos galegos xa que están dentro dos incluídos nos portátiles do proxecto Abalar.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal