Lemos na web do GPUL que este ano volven organizar a DudesConf, logo do descanso do ano pasado. O obxectivo desta reunión é semellante ao do evento internacional DebConf: reunir á comunidade de desenvolvedores e simpatizantes do proxecto Debian en España, e por que non, tamén das súas distribucións derivadas para colaborar xuntos no desenvolvemento da distribución, e ter a oportunidade de intercambiar opinións sobre o futuro do proxecto cara a cara.
A conferencia terá lugar do 9 ao 11 de abril na Facultade de Informática da UDC. Para asistir será preciso inscribirse aínda que polo momento non está aberto o prazo para facelo. O que si avanzan xa dende o GPUL é que ao igual que en anteriores ocasións, ofrecerán a posibilidade de aloxamento gratuíto no pavillón de deportes da UDC.
O prazo de presentación de actividades (presentación, relatorio, coloquio, obradoiro, …) abriuse onte e no GPUL animan a todos aqueles con algunha actividade interesante a que envíen a súa proposta a ana at debian dot org, indicando no asunto de correo [DUDES] e incluíndo o tipo de actividade, a duración, público ao que vai dirixida e unha breve introdución do contido. O 28 de marzo será o último día para a recepción de propostas, que logo serán valoradas por un comité da organización.
Aínda que este evento está orientado a persoas involucradas dunha maneira ou outra en Debian, tamén se aceptarán actividades para neófitos co fin de atraer ás persoas que se acheguen ao evento e teñan curiosidade sobre o mundo do software libre.
Esta conferencia está patrocinada actualmente por GPUL, Igalia e Debian. Aínda é posible aceptar a contribución de novos patrocinadores para os establecen como canle de comunicación o correo dudes-organizacion at ceu.fi.udc.es
Fonte: GPUL
