O Grupo de Programadores e Usuarios de Linux, GPUL, continúa cos actos de celebración do décimo aniversario da Asociación para os que anuncia, nesta ocasión, a organización de catro sesións temáticas.
Versarán sobre informática gráfica; tecnoloxías e desenvolvemento web; cifraxe, privacidade e seguranza; e GNU/Linux: BSD, OpenSolaris e outros sistemas operativos libres. Os membros de GPUL convidan a calquera persoa, con coñecementos sobre estas materias, a participar das xornadas coa presentación dun relatorio antes do día 28 de xuño, seguindo os requisitos preestabelecidos.
Estes encontros celebraranse na Facultade de Informática da Universidade da Coruña entre os días 21 e 22 de xullo en horario de mañá e de tarde. A asistencia será libre e gratuíta.
As xornadas repartiranse concretamente do seguinte xeito:
-
III Xornada sobre Informática gráfica. Mércores 21 de xullo en horario de mañá.
-
II Xornada sobre Tecnoloxías e desenvolvemento web. Mércores 21 de xullo en horario de tarde.
-
IV Xornada sobre Criptografía, privacidade e seguridade. Xoves 22 de xullo en horario de mañá.
-
I Xornada máis alá de GNU/Linux: BSD, OpenSolaris e outros sistemas operativos libres. Xoves 22 de xullo pola tarde.
Fonte: GPUL
