Mancomún

GPUL candidata a organizar a GUADEC 2012 na Coruña

Martes, 12 Xullo 2011

Logotipo de GPULGPUL presentou a pasada fin de semana a súa candidatura para organizar en A Coruña a conferencia GUADEC en 2012 en colaboración coa asociación GHANDALF e a Universidade da Coruña, contando ademais co apoio da Xunta de Galicia, GNOME HISPANO e Igalia.

GPUL presenta con ilusión, por segunda vez, a súa candidatura para a organización desta conferencia na que se toman as principais decisións sobre o futuro do proxecto GNOME. O proxecto GNOME está formado por unha comunidade internacional de usuarios e desenvolvedores que queren achegar un escritorio e unha plataforma de desenvolvemento libre amigable a toda a sociedade.

Logo da GuadecA Conferencia Europea de Desenvolvedores e Usuarios de GNOME (GUADEC) vense celebrando anualmente, dende o ano 2000, nunha cidade europea e congrega a grandes expertos e profesionais da informática e do software libre. O obxectivo desta reunión é amosar os avances no proxecto GNOME por parte da Fundación GNOME, organismo que rexe as especificacións deste contorno de escritorio. Este ano terá lugar en Berlín conxuntamente coa aKademy. GPUL conta cunha dilatada experiencia na organización da GUADEC-ES, conferencia que comparte obxectivos e mantén o seu carácter internacional aínda que orientada fundamentalmente ao público hispanofalante.
A posibilidade dunha GUADEC na Coruña significaría organizar a Conferencia de Software Libre máis importante en Galicia ata a data de hoxe. Isto favorecerá o impulso e promoción do Software Libre achegando a máis de 300 hackers de todo o mundo para construír un GNOME mellor. A GUADEC ten unha duración dunha semana na que o intercambio de ideas realízase en charlas, talleres, mesas de debate e paneis.

A proposta remitida por GPUL está a ser avaliada pola Fundación GNOME xunto coas outras candidaturas de Lyon (Francia) e Brno (República Checa).

Dende GPUL agradecen todos os apoios recibidos por parte de GHANDALF, Universidade da Coruña, Xunta de Galicia, GNOME HISPANO e Igalia, así coma a resposta dos voluntarios de cara a participar o vindeiro ano nun dos eventos referentes en Software Libre a nivel Europeo, no caso de saíren seleccionados.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal