O GPUL anuncia que este ano recuperan o espírito das Xornadas sobre informática gráfica organizadas anteriormente nos anos 2004 e 2007. Como novidade, este ano inclúen tamén a temática do audio dando lugar ás “Xornadas de audio e gráficos con software libre” que se celebrarán na Facultade de Informática da UDC entre os días 12 e 15 de xullo de 2010.
Como en todas as xornadas que organizan, dende o GPUL fan un chamamento á participación activa na mesma para que todo aquel interesado nesta temática envíe unha proposta de charla ou obradoiro. Os requisitos que deben cumprir son:
- Temática relacionada co audio e/ou cos gráficos en software libre (render, animación, deseño gráfico, vídeo…). O enfoque pode ser de calquera tipo: divulgativo, desenvolvemento, investigación…
- Todo o software referenciado nas propostas debe de ser compatible coa definición de Software Libre da FSF.
- A lingua das propostas poderá ser o galego, o castelán, o portugués, o inglés ou o francés.
- Gravación e distribución dos contidos: o poñente deberá autorizar a GPUL a facer unha gravación da súa intervención, así como a distribuír tanto a gravación coma o resto do material empregado durante a intervención baixo unha licencia libre (segundo a FSF).
A data límite de recepción de propostas é o día 27 de xuño. Poderán enviarse ben a través do formulario habilitado na web ao efecto ou ben por correo electrónico a xag@udc.es, indicando:
- Temática: Audio/Gráficos
- Título
- Nome do poñente
- Enderezo electrónico
- Teléfono de contacto (opcional)
- Empresa/Institución á que pertence
- Duración aproximada: recomendado 45 min./máximo 90 min
- Resumo: o máis completo posible sen estenderse demasiado
- Solicita axuda de viaxe: Si/Non
O 28 de xuño comunicarase a lista de propostas aceptadas.
Máis información na web do GPUL.
