A asociación GPUL segue coas activades dos seus GPUL Labs, que están a ter unha grande acollida ata o momento.
Ademais de anunciar que xa teñen unha nova remesa de actividades para as vindeiras citas, informan de que van a celebrar un Hackatón de desenvolvemento sobre IoT na cidade da Coruña, no que os asistentes desenvolverán pequenos prototipos baseados en software e hardware libre durante un día completo de traballo colaborativo.
Segundo nos indican a entrada será de balde, e os asistentes disporán de hardware para desenvolver o seu proxecto como Raspberrys, Arduinos e sensores para facer probas, ademais de almorzo e comida a cargo da organización, todo co obxectivo de facer piña e crear unha comunidade de desenvolvedores preocupados polas tecnoloxías libres que impulsen proxectos de código aberto.
GPUL Labs
A idea detrás de GPUL Labs, é aprender tecnoloxías e metodoloxías de desenvolvemento modernas en torno a un proxecto de desenvolvemento en aberto que comezarán dende o principio. Os fíos condutores deste proxecto serán IoT, desenvolvemento web e cloud.
Así os participantes aprenderán a utilizar unha Raspberry Pi e a programar diversos sensores nun proxecto baseado na IoT, totalmente open source. Aprenderán a desenvolver unha interfaz web para controlar o hardware e os seus elementos, coas máis modernas tecnoloxías e metodoloxías áxiles de desenvolvemento. E finalmente aprenderán a incluír integración continua, a realizar análise de código ou code reviews nos seus proxectos de forma sinxela.
Os GPUL Labs forma parte das actividades que esta asociación realiza ao abeiro do Convenio de colaboración entre as AGULS e a AMTEGA para a difusion do Software Libre en Galicia.
