Dende GPUL informan dun novo relatorio dentro do seu ciclo Xoves Libres. Desta volta é a quenda de achegar aos asistentes a Como liberar o traballo cunha Licenza Libre.
Nesta ocasión, os encargados de achegar a súa experiencia serán Rafael Rodríguez Gaioso, Coordinador da Oficina de Software Libre do CIXUG e Pablo Belay desenvolvedor e responsable da comunidade da aplicación SIX XeoPesca e gañador do Premio ao mellor proxecto de fin de carreira con licenza libre do ano 2013, entre outros galardóns.
O relatorio celebrarase o xoves 3 de abril, a partir das 19:00 horas, no laboratorio 0.1W da Facultade de Informática da UDC. Como sempre, esta actividade é de carácter gratuíto, e está aberta á participación do público en xeral, estando especialmente indicada para os estudantes de carreiras técnicas que estean desevolvendo os seus proxectos de fin de carreira ou traballo técnicos nos seus estudos.
Rafael Rodríguez Gaioso, ademais de coordinador da OSL é membro fundador de MeLiSA, a asociación de usuarios de software libre da Terra de Melide, e voluntario dixital, coordinador da iniciativa “Tecnoloxía e software libre en centros penitenciarios galegos” que o ano pasado achegou formación en Software Libre a 45 reclusos de 5 centros.
Rafael fará unha introdución dalgunha das licenzas máis usadas para liberar código, e cales son os motivos polos que un programador decide publicar o seu traballo cunha licenza libre. Ademais presentará a edición 2014 do Premio ao mellor TFG con licenza libre que un ano máis convocará a AMTEGA para o que contará coa colaboración da OSL do CIXUG para a súa organización e difusión.
Pablo Belay contará aos asistentes O caso práctico da liberación de XeoPesca como software libre onde falará da súa experiencia de desenvolvemento de dita aplicación en aberto, e contará a súa experiencia no proceso de liberación da mesma. Lembrar que XeoPesca foi premiada con diferentes galardóns no ano 2013 entre os que destaca o Premio ao mellor PFC con licenza libre 2013 e os Premios de PortalProgramas nas categorías Máis revolucionario e Maior potencial de crecemento.
