O próximo 6 de agosto dará comezo en Berlín un dos acontecementos internacionais de maior relevancia no referente a escritorio libres, o Desktop Summit 2011.
Neste encontro bianual, celebrado por primeira vez no 2009 en Gran Canaria, celébranse conxuntamente as reunións anuais dos desenvolvedores dos dous escritorios GNU/Linux máis estendidos: GNOME e KDE, é dicir a GUADEC e a AKADEMY respectivamente.
Os organizadores do Desktop Summit agardan recibir este ano máis de mil asistentes ao que promete ser un gran punto de encontro para coñecer as últimas novidades e tecnoloxías do Escritorio Libre e axudar a trazar o seu futuro.
Este ano, GPUL participará da man do seu socio José Millán Soto cun breve relatorio que leva por título "KMail, Kopete and Dolphin accessibility ", dentro da sesión "GNOME and KDE Interns Showcase", que se celebrará o sábado 6 de agosto as 17:15.
Ademais de realizar esta exposición, Millán será tamén testemuña do momento en que a Fundación GNOME anuncie a súa decisión sobre a GUADEC 2012 e coñecer resulta gañadora a proposta presentada por GPUL para acoller a GUADEC do ano próximo en A Coruña ou se polo contrario será outra proposta a escollida.
A participación coma poñente de José Millán forma parte das actividades que GPUL realiza co financiamento da Xunta de Galicia a través do Convenio de Colaboración das AGUSL coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia incluído dentro do Plan de Acción FLOSS 2011.
Fonte: GPUL
