Coincidindo co seu 17 aniversario, GPUL vén de presentar unha serie documental titulada «GPUL: historia dun LUG calquera» na que, segundo as súas propias palabras, pretenden “contar unha historia local, pero que á vez resulte universal, de xeito que persoas alleas a esta asociación pero que teñan vivido experiencias similares poidan sentirse rapidamente identificadas.”
Esta serie documental, da que publican un capítulo novo cada venres, preséntanos as experiencias, anécdotas e vivencias que os membros daqueles primeiros anos de GPUL lembran das súas orixes.
Se Francisco J. Tsao Santín foi quen tivo a idea de gravar os vídeos orixinais a finais de 2006, Brân González Patiño foi quen os converteu na serie que podemos ver hoxe. Converteu as horas e horas de gravacións nunha serie na que podemos ver a historia deste LUG que podería ser a de calquera outro daquela mesma época.

Orixe do documental
No ano 1998 nacía GPUL, o Grupo de Programadores e Usuarios de GNU/Linux da Facultade de Informática de A Coruña (FIC). Como calquera outro lug da época (de aí o nome da serie) viviron aqueles momentos como unha época especial, xa que compartían o seu nacemento coa propia chegada de Internet aos fogares, cun irrisorio largo de banda comparado cos que temos agora, o que sen dúbida influiría en como se formou a asociación e o tempo que os seus membros pasaban naquel despacho 0.05 da planta -1 da FIC. Eran tempos onde se vían moito máis as caras que agora, e as listas de correo tiñan unha frenética actividade con discusións técnicas, moita axuda, ideas novas, experimentos con máis ou menos éxito, etc
A finais de 2006, oito anos despois do seu nacemento, GPUL conta xa cunha importante andaina aínda que tamén en certo modo está experimentando cambios, hai xente que xa está a traballar, outra que segue tentando rematar a carreira, chegan novas xeracións, etc Mais o detonante da idea foi a nova de que teñen que mudarse a un novo despacho, ao que ocupan actualmente. Aí Tsao tivo a idea de gravar unha serie de entrevistas para contar alí mesmo como foran os inicios de GPUL a través da voz dos seus propios protagonistas. Foron decenas de horas de gravación, ás veces improvisadas, con ruído de fondo e con iluminación variable, pero feitas dende o cariño de rexistrar os comezos da súa historia. A idea era realizar unha película documental para o décimo aniversario da asociación, pero por circunstancias diversas o proxecto non frutificou… ata agora.
Logo de coñecer a Brân González Patiño, grazas á súa formación e traballos profesionais no eido audiovisual, decidiron asginarlle este proxecto e foi el quen converteu esas antigas gravacións nunha serie documental, non só traballándoa coas técnicas audiovisuais adecuadas, senón dotándoa de ritmo e perspectiva, para darlle unha visión atractiva máis alá das verbas nostálxicas dun grupo de amigos que no 1998 fundaron a asociación.
E o resultado é sen dúbida unha atractiva parte da historia do software libre en Galicia, da man dun das nosas máis senlleiras asociacións de software libre, pero que de seguro comparte moitas anécdotas e sentimentos con calquera outra das asociacións que temos na nosa terra.
Polo momento contamos xa cos 3 primeiros capítulos:
Non vos perdades o cuarto episodio este venres.
