Mancomún

GPUL únese ao Día da Liberdade dos Documentos

Luns, 24 Marzo 2014

Como vos informabamos hai unhas semanas, este mércores 26 de marzo é o Día Internacional da liberdade dos Documentos (DFD), unha iniciativa a nivel mundial promovida pola Free Software Foundation Europe que se celebra o derradeiro mércores do mes de marzo co obxectivo de chamar a atención sobre a importancia de conservar os nosos documentos dixitais en formatos libres e estándares abertos. Para contribuír á consecución dos obxectivos de difusión desde día, organízanse numerosos actos e xornadas por todo o planeta, e un ano máis a nosa comunidade amósase moi activa nestas celebracións.

Cartel da xornada do Document Freedom Day 2014 de GPULAsí á xornada sobre a necesidade de liberar a documentación académica e de investigación, organizada por GALPon na Universidade de Vigo uniuse nos últimos días unha nova xornada conmemorativa do Document Freedom Day organizada por GPUL que terá lugar tamén o mércores 26 a partires das 18:00 horas na Facultade de Informática da UDC para amosarlle ao público as grandes vantaxes que teñen os estándares abertos.

Esta xornada contará coas seguintes intervencións:

  • Chema Casanova, socio de GPUL, docente da Facultade de Informática e consultor de Software Libre para as Administracións Públicas no marco do seu traballo en Igalia. Fará un pequeno percorrido polas obrigas que teñen ditas administracións nesta materia, partindo da UE ata chegar á Xunta de Galicia.
  • Jacobo Aragunde tamén da empresa Igalia, onde traballa no desenvolvemento da suite ofimática LibreOffice. Contará o funcionamento e filosofía da comunidade así como na suá experiencia traballando en temas de interoperabilidade para soportar o estándar dos "DocX" polo que nos poderá contar tamén algunhas cousas sobre estándares non libres.
  • Juan Antonio Añel, investigador en Física Atmosférica na Universidade de Vigo, colaborador co proxecto GNU e editor de GNUTICIAS (http://gnuticias.es.gnu.org). Falará sobre a importancia dos estándares e os formatos libres xa que ten gran experiencia desenvolvendo aplicacións científicas baseadas en Software Libre.

Esta xornada de GPUL enmárcase dentro do seu ciclo de Xoves Libres, que se estreaba a semana pasada.

Lembramos que a Xornada sobre a necesidade de liberar a documentación académica e de investigación celebrarase a partir das 10:45 no Salón de Graos da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, cunha ponencia de D. A. Pablo Hinojosa Gutierrez (@pisicobyte_), técnico da OSL da Universidade de Granada e unha mesa debate na que ademais do poñente participarán membros da comunidade universitaria así como un representante da Oficina de Coordinación de Software Libre da AMTEGA.

Pola súa parte a Oficina de Software Libre do CIXUG estará presente na xornada organizada por GALPon cun obradoiro de instalación de LibreOffice no «hall» da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (UniversidadeVigo) de 11:00 a 14:00 horas.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal