Visto na páxina da OSL da USC:
"A distribución de GNU/Linux Ubuntu xunta cos paquetes desenvolvidos pola Oficina de Software Libre da USC — o que decote chamamos Ubuntu-USC — foi orixinalmente un desenvolvemento pensado para o Plano Piloto de Introdución de GNU/Linux na Universidade (máis información).
No entanto, a calidade do produto creado e as boas experiencias comunicadas polo profesorado, estudantes e persoal técnico da Facultade de Ciencias da Educación fixeron que outros centros buscasen participar do proxecto, sumándose á lista de solicitantes da introdución da Ubuntu-USC nos seus sistemas.
A Escola Técnica Superior de Enxeñaría, un dos centros da USC con máis esixencia en canto á plataforma técnica da que fan uso decote os seus estudantes de Enxeñaría Informática, Química ou Ambiental, vén de ser obxecto dunha actualización dos seus sistemas, que previamente funcionaban cunha configuración propia de Debian GNU/Linux.
Cómpre agradecer a entusiasta colaboración do moi capacitado persoal técnico da escola, especialmente Francisco José Rodríguez Castro, quen dende o primeiro intre abriron as portas á OSL e colaboraron activamente na depuración e desenvolvemento de boa parte das últimas funcionalidades incorporadas á distribución.
Con esta incorporación ao conxunto de centros que empregan Ubuntu-USC achegámonos xa aos 500 equipos instalados e en funcionamento, e case aos 2000 estudantes que as empregan. Centros coma a ETSE proporcionan tanto usuarios coma persoal de soporte cun nivel de excelencia técnica que nos fan prever unha continuidade no uso e desenvolvemento desta ferramenta."
