Nun blogue oficial de OpenOffice.org dan conta da loucura de descargas desatadas, que provocou a caída do servidor o día do lanzamento, do que xa nos fixemos eco no seu día. O pico de descargas produciuse o día 14, con máis de 600.000, sendo o total acumulado da primeira semana máis de tres millóns de descargas e que na actualidade xa supera os 5 millóns.
Estas cifras son só contabilizando descargas do sitio oficial e a partir do anuncio oficial de lanzamento que tivo lugar o día 13 de outubro. Mais, como dende o venres 10 xa estaba dispoñible o OpenOffice.org 3.0 nalgúns mirrors, xa se fixeron moitas descargas durante a fin de semana que non están contabilizadas, ademais de que algunhas das versións localizadas a outros idiomas non se descargan a través do sitio oficial e a existencia de moitas outras alternativas de descarga. Polo tanto a cifra real de seguro que será con moito superior aos 5 millóns.
Analizando un pouco máis en detalle as descargas por sistemas operativos, a metade do total son para Windows, e resulta significativo tamén o aumento das descargas para Mac OS X para o que por primeira vez funciona de forma nativa. As aparentemente frouxas descargas para Linux responden, con toda probabilidade, a que a maioría dos usuarios agardan a que a súa distribución a inclúa nos seus repositorios.
Fonte: Muycomputer
