Mancomún

Guía de migración a Software Libre para as administracións públicas locais.

Xoves, 10 Decembro 2009

Guía de migracionesEsta guía está baseada no proxecto de migración da mancomunidade de concellos da Axarquía en Málaga. Segundo comenta no seu blog Ramón Ramón Sánchez, responsable de administracións públicas de Emergya Consultoría, a elaboración desta guía-manual recollendo todo o proceso levado a cabo é un dos beneficios extra máis importantes deste proxecto de migración.

Polo momento a parte pública da Guia.Migramos.org supón tan só o 5% de todo o documentado, que irá aumentando segundo o Consello Asesor do proxecto, composto por expertos nacionais e internacionais, vaian aprobando, supervisando e mellorando o contido da parte privada. Aínda que esta guía está orientada á migración dunha administración pública local, coas súas particularidades, os seus autores consideran que é extrapolable a calquera outro proceso de migración.

Esta parte pública da guía foi anunciada na presentación do proxecto de migración da mancomunidade de concellos da Axarquía en Málaga, feita polo propio Ramón Ramón, na pasada Conferencia Internacional de Software Libre celebrada en Cáceres o 1, 2 e 3 de decembro.

Segundo os datos presentados nesa ponencia, este proxecto conta co financiamento da Junta de Andalucía e a propia Mancomunidade da Axarquía, cun presuposto que ascende a algo máis de 500.000€ para realizar a migración dun parque duns 700 equipos nun total de 31 concellos.
O proxecto comezou hai aproximadamente ano e medio, e a día de hoxe levan migrados un total de 300 equipos. Este aparente escaso número de equipos en tanto tempo débese principalmente a que se investiu moito tempo nas fases previas de preparación, comunicación, consultoría previa, sensibilización … Dende o comezo considerouse que para este proxecto de migración global debería primar a calidade fronte a cantidade.

Algunhas das ferramentas empregadas no proxecto son:

  • Guadalinex v5 e v6.
  • OpenOffice.Org
  • ModularIT. Distribución modular orientada a servizos virtualizados.
  • eBox. Sistema de xestión de redes corporativas e usuarios.
  • GLPI. Ferramenta de xestión de infraestruturas e incidencias.
  • Desenvolvementos propios do equipo de migracións, como o sistema de inventariado Inventory Libre, que teñen intención de liberar nun futuro.

Un aspecto que Ramón Ramón destacou tamén na súa intervención, foi a especial importancia da sensibilización e formación dos usuarios antes, durante e despois da migración acompañada dunha correcta xestión do cambio, para garantir que o proceso conclúa con éxito. É importante que o usuario non se sinta abandonado, que teña nos primeiros momentos a alguén preto que lle resolva rapidamente as incidencias do día a día. Neste proceso xogan un papel moi importante os prescriptores positivos que poida haber entre o persoal do concello.

Outro punto que quixo deixar claro é que a migración a un entorno con software libre non supón aforro de custes a curto prazo, o aforro é a medio ou longo prazo. Nun primeiro momento pode resultar igual ou máis custoso que o modelo de pago por licenzas, se temos en conta a inversión na xestión do cambio, na formación…

Entre os argumentos que empregaron durante a fase de sensibilización dos dirixentes dos concellos da mancomunidade destacou os seguintes:

  • A constante actualización de Sw e Hw é un luxo que un pode permitirse na súa vida particular, pero que unha administración pública non debe permitirse. As actualizacións Hw e Sw nas administración públicas deben responder só a necesidades reais e non vir motivadas por exemplo, por cambios de versións nos sistemas operativos preinstalados na adquisición dos novos equipos …

  • O esforzo económico en inversión TIC das administracións públicas no modelo de Sw Libre revirte en empresas da rexión e na creación de emprego, e non no pago de licenzas a empresas multinacionais, como acontece no modelo do Sw Privativo.

  • Inclusión dun plan de rollback como garantía de satisfacción. Se logo da migración o resultado non era o esperado garantían a posibilidade de retornar ao punto de partida sen perda dos datos anteriores nin os creados durante a migración. (Este punto explica tamén o tempo e esforzo investido no proceso e na involucración dos usuarios no mesmo. É imprescindible que os usuarios que vaian sendo migrados estean satisfeitos.)

  • Conservación da memoria histórica dixital. Outro argumento a favor do emprego de software libre e estándares abertos, é que desta forma a administración ten na súa man a garantía da perdurabilidade do acceso aos datos e información dos cidadáns (memoria histórica) e non en mans dunha multinacional como no caso de empregar formatos pechados.

Máis información: Guía de migración

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal