Mancomún

Guía de Solucións TIC en Software Libre para Profesionais Autónomos

Luns, 16 Setembro 2013

Logotipos de FEAGA, AGASOL e CDTICO vindeiro mércores 18 de setembro de 10:30 a 12:30 horas a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) en colaboración coa Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL) e a Federación de Autónomos de Galicia (FEAGA) fará a presentación pública da Guía de solucións TIC en Software Libre para profesionais autónomos.

A presentación terá lugar na sala de formación do Centro Demostrador TIC de Galicia e poderá tamén seguirse por videoconferencia nas aulas da rede CeMIT previa inscrición.

A Guía de solucións TIC en Software Libre para Autónomos, consiste nun conxunto de materiais didácticos elaborados por AGASOL, que estarán dispoñibles para a súa consulta e descarga en diversas webs, como no Repositorio Documental de Software Libre en mancomún, no CDTIC, AGASOL , FEAGA … Ademais estes materiais formativos serán complementados co asesoramento profesional personalizado que ofrecerá AGASOL en colaboración co CDTIC aos profesionais autónomos de Galicia.

Esta guía é o resultado dun proxecto de colaboración definido no marco do Plan de acción en Software Libre do ano 2013, entre o CDTIC, AGASOL e FEAGA. O obxectivo do proxecto consistía en achegar as TIC aos profesionais autónomos e ás micropemes da nosa comunidade a través de ferramentas de software libre que lles axuden a mellorar as súas principais actividades diarias. A colaboración con FEAGA foi fundamental para determinar cales eran as principais necesidades do sector obxectivo en Galicia, de maneira que AGASOL puidese centrar a guía no tipo de solucións máis axeitadas.

O Software Libre é unha solución para a integracións das TIC para os profesionais autónomos e micropemes máis asequible e sustentable que as solucións privativas. Entre as principais vantaxes obtidas ao empregar software libre podemos mencionar:

  • Aforro na adquisición, mantemento e renovación de tecnoloxías. Ao optar por ferramentas libres afórranse os custes de adquisición de licenzas de uso e a súa posterior renovación, podendo tamén copiar e empregar os aplicativos en tantos ordenadores como precise de forma completamente legal. Ademais, normalmente as necesidades de hardware para o bo funcionamento do software libre son menores, polo que non é preciso renovar o hardware coa mesma rapidez que esixe o software privativo.
  • Maior independencia tecnolóxica. Co software libre, o autónomo non está obrigado a actualizar as aplicacións cando llo impoña o fabricante, senón cando as súas circunstancias económicas e necesidades comerciais llo indiquen. Ao non haber inversión inicial en custe de licenzas, e poder probar a maioría das solucións sen necesidade de inversión, a barreira económica de cambio de aplicativo é moi baixa, e polo tanto será máis doado escoller en cada momento a solución que mellor se adapte ás súas necesidades, que poden evolucionar co paso do tempo.
  • O uso de estándares abertos facilita o cambio. O software libre, ao estar construído en base a estándares abertos, fai que os cambios dunha solución a outra sexan moito máis sinxelos, non creando dependencias con fabricantes ou provedores concretos unha vez escollida unha primeira solución.
  • Soporte técnico próximo e máis accesible. Cando o autónomo precise soporte técnico para as ferramentas libres pode atopar servizos a través de empresas galegas do sector TIC do software libre, entre as que poderá escoller aquela que mellores servizos lle ofrezan, maior proximidade, mellor prezo … sabendo que sempre haberá posibilidades de cambiar de provedor se non lle satisfai sen necesidade de cambiar de produto, ou viceversa. Pode contactar con estas empresas a través de AGASOL ou consultar o Catálogo de produtos, servizos e provedores de Software Libre en Galicia, que amosa filtrados aqueles provedores inscritos no MapaTIC.gal que ofrecen servizos sobre produtos libres.

Recomendamos ler o decálogo elaborado por CENATIC, “10 razóns para que os autónomos empreguen Software Libre”, no que se explican máis razóns e vantaxes do uso do software libre.

Animamos pois a todos os profesionais autónomos e micropemes galegas a asistir este mércores 18 á presentación da Guía de solucións TIC en Software Libre a partir das 10:30 da mañá nas instalacións do CDTIC.

Lembramos que para poder asistir presencialmente é preciso inscribirse na web do CDTIC. Aquelas persoas interesadas en seguir a presentación por videoconferencia, deberán contactar previamente coa súa aula CeMIT máis próxima para consultar se é posible seguilo en dita aula e inscribirse en caso afirmativo.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal