- Galicia contribúe ao avance dos Sistemas de Información Xeográfica libres liderando a publicación da nova versión da aplicación gvSIG Desktop
- O laboratorio Cartolab e a empresa Icarto son os principais artífices da publicación de gvSIG 1.12.
- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra contribuíron a este fito co financiamento de parte das novidades incluídas na nova versión.
O pasado mércores 26 de setembro publicouse a nova versión da aplicación gvSIG Desktop 1.12 cun marcado sabor galego, xa que Galicia tivo moito que dicir tanto no desenvolvemento como na súa publicación.
gvSIG Desktop é un Sistema de Información Xeográfica, unha aplicación de escritorio para capturar, almacenar, manipular, analizar información xeograficamente referenciada co obxectivo de resolver problemas complexos de planificación e xestión. gvSIG é un proxecto impulsado inicialmente pola Conselleria de Infraestruturas e Transportes da Generalitat Valenciana pero que actualmente é dirixido pola asociación gvSIG, na que Galicia ten unha presenza importante.
Esta nova versión é froito de moitos meses de traballo, nos que a administración pública galega, representada tanto pola Xunta de Galicia a través do Instituto de Estudos do Territorio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, como pola Deputación de Pontevedra, tivo un papel singular grazas á aposta realizada no 2010 para o desenvolvemento do gvSIG-EIEL, do que a versión actual herda parte das funcionalidades e melloras implementadas entón.
Como pode verse no anuncio da nova versión, unha gran parte do desenvolvemento e financiamento desta nova versión proveñen da nosa terra. Así a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra financiaron as melloras no driver PostGIS e na visualización dos mapas, mentres que o traballo de publicación da versión, incluíndo a integración dos cambios, as probas así como o desenvolvemento de algunhas das funcionalidades recaeu principalmente no laboratorio Cartolab e na empresa galega Icarto coa axuda por suposto de outros membros da asociación gvSIG.
De feito a empresa galega Icarto, spin off do laboratorio Cartolab da UDC, é un dos 5 membros da asociación, sendo Cartolab tamén membro de honra da mesma, e conxuntamente son os responsables de liderar o desenvolvemento da rama 1.x de gvSIG. Ademais hai tamén outras 4 empresas galegas que son colaboradores da asociación: Avansig, Enxenio, Giservices.eu e Sixtema, que co seu traballo tamén teñen contribuído ao desenvolvemento e progreso de gvSIG.
As principais novidades de gvSIG 1.12 son:
- Integración da última versión de Sextante
- Melloras xerais de usabilidade 8xanela de vista maximizada de forma predeterminada, cores aleatorios, etiquetado de tamaño e cor fixos, apertura de ficheiros independentemente do seu tipo, zoom coa roda do rato de forma máis amigable, melloras á hora de organizar as capas na TOC …)
- Melloras nos drivers de Postgis, simplificando a conexión coa base de datos e diminuíndo o consumo de recursos no servidor …
- Melloras na creación e impresión de mapas.
- Actualizado o acceso a datos para WMS 1.3 e á ultima versión de kml.
- …
Na páxina de gvSIG Desktop 1.12 é posible ver en detalle o resto de novidades, os problemas coñecidos, outras notas da versión así como descargar a aplicación.
